A parcela actualmente cedida ao Concello cun contrato de cesión gratuíta, considérase estratéxica pola súa situación e extensión. A piscina poderá corrixir os seus problemas estruturais, que obrigan a tela pechada por seguridade, e transformarse nun espazo adecuado para o impulso das prácticas deportivas en Melide.
O Concello de Melide celebrou na tarde de onte un Pleno extraordinario de gran importancia. Nesta xuntanza aprobáronse as necesarias modificacións orzamentarias para afrontar dous importantes investimentos estruturais no municipio. O primeiro será a posible adquisición dun amplo terreo no núcleo urbano de Melide apto para estacionamento, celebración de grandes eventos ao aire libre, o outros usos. O segundo, a necesaria reforma e modernización da piscina municipal, actualmente fóra de servizo polas deficiencias detectadas, para facer dela un centro deportivo á altura das necesidades veciñais.
A modificación orzamentaria 35/2022, vía crédito extraordinario nº 2/2022, saíu adiante cos votos a favor dos grupos municipais de Adiante Melide e o PSOE, rexistrándose o voto en contra do Partido Popular. O Concello poderá así destinar parte do remanente de tesouraría a adquirir unha ampla parcela en pleno centro de Melide.
A parcela, que destaca pola súa boa localización e extensión é na actualidade obxecto dun contrato de cesión gratuíta asinado en xullo de 2020 entre o Concello e o propietario do espazo.
Por razóns de interese público, o Concello intentará acometer esta operación de compra financiándoa con recursos propios municipais, facendo uso do remanente de tesouraría para gastos xerais. Cubriríase o importe total de compra do terreo, dun valor de 932.005,96 €. Trátase dun gasto que non pode demorarse ata o exercicio seguinte e para o cal non existe crédito no vixente orzamento municipal. Esta e a motivación para a aprobación dunha modificación orzamentaria.
Piscina municipal
O pleno aprobou, igualmente cos votos a favor de Adiante Melide e PSOE e a abstención do Partido Popular, unha modificación orzamentaria para acometer a reforma da piscina. Esta modificación, a número 34/2022, vía suplemento de crédito 2/2022, financiado con cargo ao remanente de tesouraría, permitirá solucionar problemas crónicos na infraestrutura e convertela nun moderno centro deportivo.
A piscina municipal de Melide non pode poñerse en funcionamento actualmente debido ao estado en que se atopa. Os informes de expertos falan dun risco evidente para a saúde das e dos usuarios. Son obrigatorios investimentos en climatización, ventilación, calefacción e xestión da auga, ademais de optimización de espazos. O obxectivo é que deixe de ser unha piscina climatizada dotada dun pequeno ximnasio e sala de actividades para operar como un centro deportivo integrado.
O proxecto básico da reforma e ampliación era de aproximadamente 840.000 euros. En agosto, o Pleno municipal aprobara inicialmente un expediente de modificación de crédito para cubrir este gasto, pero o auxe dos prezos pola actual conxuntura económica elevou o importe do proxecto a 1.066.529,36 €, no que supón un incremento do 26,76% fronte ao prezo orixinal. O expediente de modificación orzamentaria aprobado onte permitirá consignar a contía de 465.146,71 euros para facer fronte ao gasto,
Esta reforma contribuirá a impulsar en Melide unha oferta deportiva de calidade en espazos adecuados para a práctica de diversas disciplinas, cun impacto positivo na calidade de vida da veciñanza.