O Pleno municipal aproba tamén un suplemento de crédito que reforzará a solvencia no pagamento a provedores e unha moción que defende modificar, con vistas a evitar danos no patrimonio histórico e visual, o proxecto de rehabilitación da igrexa de San Pedro para evitar o branqueado das paredes exteriores.
O Pleno ordinario de Melide celebrado na tarde do 7 de outubro aprobou un suplemento de crédito que permita manter a destacada solvencia económica no pagamento a provedores. Do mesmo xeito, aprobáronse de forma inicial as reformas nas ordenanzas fiscais das taxas de recollida e xestión de residuos e de subministración da auga. No primeiro caso, o Concello está obrigado a repercutir o custo do servizo polas normativas autonómica e estatal.
O concelleiro de Facenda, Xosé Igrexas, lembrou durante o debate da modificación orzamentaria como suplemento de crédito que o Concello de Melide acadou un alto grao de execución orzamentaria e pretende, con esta modificación, manter uns “niveis de pagamento a provedores áxiles e rápidos”, para o cal “faise necesario dotar as partidas orzamentarias máis deficientes de maiores recursos”. “A solvencia económica deste Concello está garantida”, engadiu, lembrando que a data de hoxe o remanente de tesourería municipal é de case catro millóns de euros. Igualmente, o edil lembrou que esta modificación orzamentaria busca cumprir co recollido no Plan de Estabilidade Financeira recentemente aprobado no Concello. Do mesmo modo, lembrou que Melide é o terceiro dos concellos da súa área xeográfica con menor número de facturas pendentes.
Logo do debate sobre este punto procedeuse á votación, onde foi aprobado o suplemento de crédito cos votos positivos dos grupos municipais de Adiante Melide, Bloque Nacionalista Galego e Partido Socialista, e o voto en contra do grupo municipal do Partido Popular.
No seguinte punto da orde do día debateuse sobre a aprobación dunha nova ordenanza fiscal que regule a taxa de servizo de xestión de residuos municipais, de acordo coas obrigas derivadas da Lei 7/2022 de Residuos e Solos Contaminados aprobada no Congreso dos Deputados e da Lei 6/2021 de Residuos e Solos Contaminados de Galicia aprobada no Parlamento de Galicia. O edil Xosé Igrexas recordou que existe a obriga de trasladar este custo e que o Concello de Melide optou por unha implantación gradual para reducir o impacto sobre a veciñanza. Pola súa banda, o alcalde, José Manuel Pérez Penas, sinalou a Sogama como responsable dunha suba de custos “abusiva e desproporcionada” que non repercutirá nunha extensión de servizos. “Se Sogama se fai cargo de todos os residuos, como debería, sen repercutirllo aos melidenses, nós eliminariamos inmediatamente a taxa”, afirmou.
A ordenanza fiscal foi finalmente aprobada cos votos positivos de Adiante Melide, BNG e PSD-G/PSOE, votando en contra neste punto o grupo municipal do PP.
O Pleno tamén considerou a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa de subministración de auga, en cumprimento co contrato e a suba do IBI. Este punto foi aprobado sen debate, coa abstención do Partido Popular e o voto afirmativo do resto de grupos.
Os seguintes dous puntos referíronse á dación de contas de decretos da alcaldía. No último punto debatéronse varias mocións de urxencia. A primeira delas insta á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a modificar o proxecto de rehabilitación da igrexa de San Pedro eliminando as obras de revocado e branqueado das paredes exteriores do Convento de Sancti Spiritus, destinando o importe a outras intervencións de restauración deste espazo. A Concelleira de Cultura, Ana Mosteiro, defendeu a moción considerando o desafortunado impacto visual e sobre o patrimonio artístico e histórico da zona, en concordancia coa alerta lanzada tamén polo Museo da Terra de Melide.
José Manuel Pérez sinalou sobre esta moción que a igrexa de San Pedro é “un símbolo de Melide” e instou a buscar a solución menos lesiva co edificio e a contorna. O rexedor lamentou a deslealdade institucional da Xunta de Galicia por programar unha visita do conselleiro á igrexa arredor desta reforma sen cursar convite nin aviso ao Concello de Melide nin ao propio alcalde como representante do mesmo.
A moción foi aprobada cos votos positivos de Adiante Melide, BNG e Partido Socialista, e a abstención do Partido Popular.
A seguinte moción debatida foi presentada polo Partido Popular, instando á Deputación da Coruña a actuar urxentemente na vía DP4603 ao seu paso por Santa María. Os populares sinalan que o estado desta estrada supón unha ameaza á seguridade de veciños e peregrinos. A moción foi aprobada de xeito unánime.
A última moción debatida no Pleno, presentada tamén polo Partido Popular, instaba ao Concello a solicitar á Consellería de Educación un convenio de cofinanciamento para reparar o peche do colexio da Martagona e un plan de actuación nos centros educativos locais. A moción decaeu co voto negativo de Adiante Melide, BNG e PSdG-PSOE. Durante o debate, o alcalde, José Manuel Pérez, conminou á Xunta de Galicia a non “derivar a súa falta de xestión noutras administracións”. “Ese peche é do ano 1983, a súa vida últil finalizou, non hai mantemento posible polo que a súa substitución correspóndelle á consellería de educación”.

