Xul 31, 2024 | Actualidade, Novas

O evento de dinamización do comercio local celebrarase este ano do 9 ao 11 de agosto. Recupérase o Mercado Medieval. Os vinte e un comercios participantes, tres máis có ano pasado, ofrecerán importantes descontos durante tres días. Estarán identificados por un cartel.

O Mercamelide na Rúa celebrarase na fin de semana do venres 9 ao domingo 11 de agosto cun total de 21 comercios. O evento, organizado polo Concello en colaboración coa Asociación de Empresarias e Empresarios da Terra de Melide, consolídase así como un importante apoio á dinamización comercial do municipio durante os meses de verán. Ademais, na presente edición, e como novidade, Melide recupera o seu Mercado Medieval.

Os 21 comercios participantes na presente edición -tres máis ca na de 2023- ofrecerán, un ano máis, grandes descontos nun bo número de artigos durante toda a fin de semana, en horario de mañá e tarde. Os sectores aos que pertencen son diversos, incluíndo a moda, os electrodomésticos ou a xoguetería. Os distintos comercios participantes estarán identificados por un cartel.

Xosé Igrexas, concelleiro de Comercio, amosou a súa satisfacción polo crecemento no número de comercios participantes e adiantou que a actual edición do Mercamelide na rúa volverá ser un punto de inflexión positivo para o comercio local durante os meses vacacionais.