O comercio de proximidade ofrecerá tres días de grandes descontos cunha ampla variedade de artigos. O Mercado medieval retorna á programación logo de seis anos.
O Concello de Melide organiza, en colaboración coa Asociación de Empresarias e Empresarios da Terra de Melide, unha nova edición do “Mercamelide na rúa” entre o venres 9 e o domingo 11 de agosto. Este ano, como novidade, celebrarase novamente o Mercado medieval.
O Mercamelide na rúa é un evento comercial consolidado onde un grande número de comercios locais da vila ofrecen grandes descontos en moitos artigos durante toda a fin de semana. Na edición do ano pasado participaron 18 comercios de sectores diversos, entre os que se incluía a moda, a xoguetería ou os electrodomésticos. Durante os tres días de campaña, os comercios ofrecen rebaixas especiais en produtos de stock, en horario de mañá e tarde. Cada comercio participante está identificado cun cartel.
O concelleiro de Comercio, Xosé Igrexas, avanza que en vindeiras datas o Concello ampliará a información, co listado de comercios participantes e a programación prevista. O edil amosouse confiado en que a edición deste ano volverá a ser un éxito e un elemento de dinamización económica da vila durante os meses de verán.