Xan 20, 2025 | Actualidade, Novas

O gran evento de promoción comercial do inverno melidao regresa cun formato ampliado que dá cabida á artesanía e a gastronomía. O Mercado do Cerne de Galicia porá en valor o comercio local e a cultura e economía rural.

O Mercamelide de inverno regresa na fin de semana do 8 e o 9 do vindeiro mes de febreiro con 17 comercios presentes. Esta nova cita co comercio local presenta nesta edición unha gran novidade: o Mercado de Artesanía e Gastronomía do Cerne de Galicia.

Un ano máis, o Pazo de Congresos acollerá un grande espazo de compra durante toda a fin de semana, para que a veciñanza e visitantes poidan adquirir produtos de primeira calidade, provenientes do comercio local e a prezos moi competitivos, que inclúen fogar, roupa, electrodomésticos, calzado ou tecnoloxía.

Promoción e posta en valor do medio rural

O Mercamelide de inverno 2025 acollerá por primeira vez o Mercado de Artesanía e Gastronomía do Cerne de Galicia con máis dunha decena de postos. Esta iniciativa procura non só apoiar o comercio local, senón que promova a actividade no medio rural e supón unha aposta por medidas de desenvolvemento do mesmo. Con esta actividade, o Concello aposta por dar visibilidade ao conxunto dos sectores comerciais de Melide e dos concellos da proximidade e pór en valor os nosos trazos culturais e económicos máis distintivos e singulares. Esta cita amosa tamén a forte tradición que a comarca ten como zona de artesán e comerciantes, os cales son unha parte importante do motor económico da localidade.

O Mercamelide, unha cita consolidada

O Mercamelide, tanto nas súas edicións invernais como estivais, é un evento de gran importancia para a promoción do comercio local, que en sucesivas edicións ten medrado en participación e asistencia e que ofrece unha importante oportunidade para a dinamización económica e comercial. O público valora especialmente os importantes descontos e a calidade dos produtos, pertencentes a sectores distintos como o mobiliario, menaxe, fogar, decoración, calzado, mercería, deporte, beleza, electrodomésticos, complemento ou seguros, entre outros.

A maiores, durante esta fin de semana haberá diversas actividades para adultos e crianzas, así como sorteos entre as persoas que compren nos postos deste evento.