~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O Entroido enche Melide de música, disfraces e tradición cunha completa programación do 14 ao 17 de febreiro

Feb 5, 2026 | Actualidade, Novas

O Concello de Melide presenta a programación do Entroido, que se celebrará entre os días 14 e 17 de febreiro, cunha ampla variedade de actividades pensadas para todos os públicos, nas que a música, a festa e as tradicións populares serán as grandes protagonistas. Un dos pratos fortes será, un ano máis, o Concurso de disfraces, que repartirá 2.850 euros en premios.

A celebración arrancará o sábado 14 de febreiro ás 17:30 horas no Centro Social coa actuación do Trío Son Remolino. Ás 18:30 horas terá lugar a saída do pasarrúas do Entroido desde a praza do Convento, acompañado do Folión Grileiro, enchendo as rúas de Melide de música e animación.

O domingo 15 de febreiro celebrarase o tradicional concurso de disfraces, unha das citas máis esperadas do Entroido melidense. A xornada comezará ás 16:30 horas coa recepción das persoas participantes no cantón de San Roque, seguida ás 17:30 horas do desfile de disfraces polas rúas da vila. O concurso propiamente dito terá lugar ás 18.30 horas no Pazo de Congresos. En caso de choiva, cancelarase o desfile e a recepción realizarase unha hora antes do concurso no propio pazo de Congresos.

Bases web

O concurso contempla diferentes categorías: comparsas (máis de 8 participantes), grupos (entre 3 e 8 participantes), individuais e parellas, ademais dun premio especial do xurado para comparsas do municipio pola súa orixinalidade. Os premios oscilan entre os 100 e os 1.000 euros, recoñecendo a creatividade e o esforzo das persoas participantes.

A programación continuará o luns 16 de febreiro, entre as 17:00 e as 20:00 horas no Pazo de Congresos, coa festa de inchábeis, pensada especialmente para o público máis novo.

O martes 17 de febreiro estará dedicado á cativada coa Festa infantil de disfraces, que se desenvolverá de 17:00 a 19:30 horas no pazo de Congresos, con xogos, baile, música e obradoiros. Ás 19.30 horas sairá novamente o pasarrúas do Entroido desde a praza do Convento acompañado polo grupo os Gaiteiros do País, que rematará na praza das Coles ás 20:00 horas cunha sesión de animación musical e degustación de doces de Entroido e chocolate. A xornada pecharase ás 21:00 horas coa lectura do pregón e a queima do Entroido, poñendo o broche final ás festas.

Desde o Concello de Melide anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar activamente nesta celebración, mantendo viva unha das tradicións máis arraigadas da cultura popular galega. Para máis información e inscricións no Concurso de Disfraces, as persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Melide.