~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O cruceiro do adro de San Roque recupera o seu esplendor a través dos traballos de restauración e posta en valor

Nov 20, 2024 | Actualidade, Novas

A intervención levada a cabo sobre o seu emprazamento orixinal permite que en adiante esta peza histórica mellore en recoñecemento e visibilidade.

As solicitudes do Concello de Melide e do Museo da Terra de Melide tanto do retranqueo duns metros do cruceiro como da recuperación da súa base oririxinal foron desestimadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O emblemático cruceiro de San Roque regresou ao seu emprazamento xunto á capela do mesmo nome no corazón de Melide tras ser sometido a un meticuloso proceso de restauración e posta en valor que actuou, ademais de sobre o propio cruceiro, sobre a contorna en que se localiza.

Os traballos, que se desenvolveron durante varios meses, quixeron facer xustiza a un dos elementos patrimoniais máis destacábeis de Melide, situado ao pé do Camiño Francés de Santiago e punto de encontro habitual de veciñanza e de visitantes, nomeadamente peregrinos que percorren esta ruta xacobea.

Así pois, os labores incluíron tanto tarefas de remodelación da praza como de restauración e divulgación da peza. No primeiro aspecto, actuouse para que este ben patrimonial sexa o centro de interese do seu ámbito arquitectónico, mellorando ademais a seguridade do mesmo. A plataforma en que se atopaba o cruceiro, que non tiña carácter histórico, foi substituída por outra, unha pequena superficie adoquinada que delimita o espazo arredor do cruceiro, e en cuxo centro se colocou un dado de pedra que asenta o cruceiro. Coa substitución da plataforma por un só dado evítase que se siga empregando o cruceiro como asento, co conseguinte deterioro.

Os traballos de restauración tiveron en conta a degradación da peza por elementos biolóxicos, antrópicos e medioambientais. Tamén corrixiron a utilización, en anteriores intervencións, de materiais de baixa calidade que axudaron á deterioración da peza. O labor no obradoiro de restauración incluíu a limpeza manual mecánica da cruz e da vara, coa retirada de liques foliáceos e musgos.

Por outra banda, o labor de divulgación inclúe a instalación de cartelería que achega información relevante sobre o cruceiro, contribuíndo a unha promoción do patrimonio de interese cultural melidao.

Posiblemente, o cruceiro máis antigo de Galicia

Cunha cruz datada no século XIV, o cruceiro atópase entre os máis antigos de Galicia e, de feito, intelectuais da altura de Daniel Castelao consideraban, como fixo o rianxeiro en “As cruces de pedra na Galiza”, que pode tratarse do máis antigo do país. Encadrado no gótico, presenta porén trazos arcaizantes segundo patróns estilísticos da imaxinería do románico.

O cruceiro representa no anverso a resurrección de Xesucristo, cunha formulación iconográfica que remite ao Pórtico da Gloria da Catedral compostelá. No reverso atópase representado un calvario de natureza gótica.