Dec 18, 2024 | Actualidade, Novas

Nesta edición participan un total de 18 comercios da vila. Repartiranse tres premios entre os mellores, escollidos por xurado.

O Concello de Melide convocou un ano máis un Concurso de Escaparates de Nadal co que convida a todos os comercios da vila a contribuír na decoración e ambientación natalicia de Melide dende os seus propios locais. Nesta edición son 18 os comercios participantes, que encherán así de cor, creatividade e orixinalidade os seus escaparates ata despois de Reis.

Os comercios que toman parte este ano no concurso son as xoiarías Oro de Ley e Silvela, ademais de Zafiro Tours Melide, Electoque, Imprenta Meligraf, Intres Fotografía, Toysmaniatic, Peluquería Carlos Gómez, Carnicería Cardelle, Cousas Novas, Mobles Ares, Xanela Ocio, Óptica Tabora, a tenda de confección de traxes tradicionais Feitura, o centro de beleza Flor de Toxo, Mis Mejores Labores e as tendas de roupa e complementos Stardemoda e Tu Boutik.

O Concello de Melide nomeará un xurado que delibere e decida os comercios gañadores. Repartiranse en total tres premios: un primeiro de 1.000 euros, un segundo de 500 e un terceiro de 250€. O xurado deberá ter en conta aspectos como a orixinalidade da decoración, a montaxe e a estética da mesma, ademais da creatividade e a ambientación natalicia. Na edición do ano pasado, os gañadores destes premios foron a carnicería Cardelle, Pro Diva e a imprenta Meligraf, respectivamente.

O concelleiro de Comercio, Xosé Igrexas, agradeceu a participación de todos os comercios que se implicaron no concurso e salientou o valor engadido na decoración de Nadal da vila que outorgan así os comerciantes, creando un ambiente máxico durante as festas para as familias e toda a veciñanza de Melide.