O Concello identifica, en colaboración constante coa comunidade educativa, numerosas eivas nos centros que requiren dos pertinentes investimentos autonómicos. Reformas en instalacións deportivas, asfaltado ou melloras de seguridade, materias pendentes.
O Concello de Melide vén de reclamarlle á Xunta unha serie de investimentos urxentes nos tres CEIPs do municipio. A concelleira de Educación, María Jesús Iglesias, mantén un contacto permanente cos equipos directivos dos centros educativos e coas ANPAs. No transcurso destas xuntanzas periódicas e das inspeccións municipais identificáronse e recolléronse varias necesidades urxentes cuxa resolución é competencia da Xunta de Galicia. Algúns destes investimentos levan moitos anos sendo reclamados pola comunidade educativa e polas institucións.
O Concello de Melide fai esta reclamación á Xunta ao amparo do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que o Goberno galego presentou en 2021. Segundo este documento, onde a Xunta se comprometía a actuar no 40% dos centros escolares de Galicia antes de rematar o 2024, os CEIPs deben transformarse seguindo unhas directrices xerais de ampliación, rehabilitación integral, ou intervencións en fachadas e cubertas. Dentro do Plan recóllese tamén a creación de espazos de socialización como patios e pistas multideporte cubertas, de forma que poidan adaptarse ao uso durante distintos períodos do ano con normalidade.
O Goberno local de Melide reclama, xa que logo, unha serie de investimentos moi necesarios nos tres centros educativos de infantil e primaria municipais. No Colexio Nº1, é necesaria a reforma da zona deportiva exterior, que se atopa en mal estado e conta cun equipamento deportivo obsoleto. Do mesmo xeito, o desgaste da zona perimetral, que se emprega como espazo de recreo, fai necesario levar a cabo un asfaltado da mesma. A reforma dos baños é outra necesidades do colexio.
No tocante ao CEIP Martagona, o Concello reitera unha reclamación que vén de vello: a da construción dun patio cuberto ou pista polideportiva de idénticas características. Trátase do único colexio melidao que non dispón dun espazo cuberto para a práctica deportiva, o cal limita moito as actividades de ximnasia cando o tempo non acompaña. Por outra banda, e no mesmo centro de ensino, é notable o deterioro que presenta o valado do perímetro, comprometendo mesmo a súa estabilidade e representando, por tanto, un risco para a seguridade. O Concello pide igualmente que se acometa unha reparación nesta infraestrutura.
Por último, no CEIP Mestre Pastor Barral é necesario arranxar o tellado do centro. O equipo directivo advirte da existencia, dende fai anos, de filtracións. Por outra banda, é necesario pechar a pista polideportiva cuberta, de forma que o uso en tempada de inverno sexa máis cómodo.
Pola súa banda, o Concello de Melide levou a cabo nos últimos tempos máis de 150 intervencións de mantemento, dentro das súas competencias, coa inmediatez necesaria. A interlocución fluída cos equipos directivos e as ANPAs facilita a identificación das necesidades dos centros, permitindo un mantemento axeitado que axude a garantir que o ensino en educación primaria e infantil se dea nas mellores condicións para as nenas e nenos.