~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O Concello de Melide solicita á Xunta unha declaración negativa de impacto ambiental para o proxecto de Greenfiber e revisar a categoría de proxecto estratéxico

Abr 18, 2024 | Actualidade, Novas

O rexistro municipal recolleu preto de 700 alegacións ata o 17 de abril. Nunha misiva enviada á Consellería de Industria, o alcalde, José Manuel Pérez, expón as alegacións do Concello nos ámbitos do proxecto industrial estratéxico, da afección territorial e urbanística, dende o punto de vista patrimonial e ambiental, así como para as infraestruturas asociadas e sobre o impacto na economía local. O Concello reclama unha aclaración sobre a natureza da fábrica, distinguindo entre unha produtora de fibras téxtiles ou de celulosa.

 O Concello de Melide vén de remitirlle unha misiva á Consellería de Industria da Xunta de Galicia onde achega unha serie de alegacións municipais ao proxecto de instalación dunha fábrica de fibras téxtiles e celulosas no municipio veciño de Palas de Rei impulsada por Greenfiber SL. Na mesma comunicación, asinada polo alcalde, José Manuel Pérez, solicítase do Goberno galego que se realice unha declaración negativa do Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e mais da Autorización Ambiental Integrada (AAI). Tamén se reclama que sexa revisada a categoría de proxecto estratéxico e de utilidade pública da iniciativa de Greenfiber, con base nas alegacións presentadas nun amplo listado na mesma misiva.

Entre estas alegacións, o Concello reclama, no ámbito do carácter estratéxico do proxecto industrial, que a Secretaría Xeral de Industria facilite unha copia da documentación achegada durante a declaración do mesmo, así como dos informes favorables. Tamén pide aclaracións sobre a instalación por fases que se expón no proxecto básico, e as incidencias destas fases sobre os postos de traballo. Por último, o Concello quere unha aclaración sobre o carácter da instalación, onde se expoña adecuadamente se se trata dunha fábrica de téxtiles ou de produción de celulosa.

No tocante á afección territorial e urbanística, o Concello reclama coñecer como encaixa nas Directrices de Ordenación do Territorio o monocultivo de eucalipto que precisa a subministración do proxecto. O Concello pide analizar a repercusión deste monocultivo sobre a sustentabilidade e diversidade do medio natural galego.

En canto ao patrimonio cultural, as alegacións do Concello lembran que o proxecto afectará ao trazado do Camiño Francés de Santiago, polo que reclaman que na tramitación ambiental se inclúa un informe do Comité Nacional Español do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS), xa que se trata do organismo encargado de avaliar o estado do Patrimonio Mundial da UNESCO no que se encadra o Camiño.

No eido das afeccións medioambientais, as alegacións do Concello solicitan que se aclare o encaixe do proxecto na Estratexia Galega de Infraestrutura Verde, e tamén no tocante á relación entre a situación das instalacións e a Rede Natura 2000. Dentro do mesmo ámbito, reclámase coñecer o impacto ambiental na paisaxe e, nomeadamente, no trazado do Camiño de Santiago.

Igualmente, dentro da afección medioambiental, tamén se solicita que se complete a documentación en aspectos fundamentais para valorar a integración da fábrica, dado que o proxecto básico non contén alzado nin sección.

Non menos importante, o Concello quere coñecer a incidencia que os contaminantes poidan ter no termo municipal de Melide, incluíndo olores de gases e presenza de partículas. A este respecto, o Concello precisa coñecer cales serán as medidas correctoras coas que evitar unha perda na calidade de vida da veciñanza.

En canto ás infraestruturas asociadas, o Concello solicita coñecer as medidas correctoras para o corte no Camiño de Santiago e os accesos rodados alternativos coas que garantir a seguridade das e dos peregrinos e conservar os valores do Camiño, Igualmente, reclama coñecer o impacto do tráfico rodado, durante a obra e a vida útil da fábrica, no casco urbano de Melide, a través das estradas N-547 e AC-840.

Neste apartado, as alegacións tamén inciden na necesidade de saber como e de que xeito se subministrará a auga de uso non industrial para a obra e as actividades do proxecto no caso de que esta se solicite, xa que Melide non dispón de capacidade para atender unha demanda deste tipo.

Xa no ámbito do impacto económico, as alegacións sinalan o impacto que o proxecto supón nas actividades ligadas ao Camiño de Santiago, incluíndo a posibilidade de perder o título de patrimonio da humanidade. Do mesmo xeito, as alegacións reclaman que esta depreciación tamén se valore no caso dos terreos, vivendas e edificios próximos ao proxecto. Por último, o Concello quere que se dea unha resposta viable ás necesidades habitacionais e de mantemento para as 4.000 persoas que se estima que se empregarán na execución das obras.

Ademais destas alegacións do Concello, o rexistro municipal recolleu aproximadamente 700 alegacións veciñais ata o 17 de abril, data de peche do prazo, o que dá boa mostra da inquedanza cidadá cun proxecto cuxa natureza está posta en dúbida.