As actuacións encádranse dentro do Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas (Agader).
O Concello de Melide aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada no día onte sacar a licitación as obras de mellora de viais que dan acceso a explotacións agropecuarias e que se atopan en mal estado.
As actuacións, cunha distancia total de 1750 metros, inclúen a limpeza de cunetas e a pavimentación con aglomerado de 5 centímetros de espesor, así como a señalización horizontal do vial.
O primeiro dos viais a reparar terá o seu inicio na N-547 en Riocobo, onde se mellorará a estrada que da acceso a igrexa de San Mamede do Barreiro, incluíndo as bifurcacións existentes.
O segundo dos tramos a reparar ten o seu inicio no Rañado, na N-547, pasando polo lugar da Torre e finalizará no cruce coa estrada Orois-Maceda, cunha distancia total de 1040 metros.
As actuacións realizaranse este ano e supoñen un investimento total de 72.789,15€, cantidade subvencionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a través do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 22/23.