~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O Concello de Melide reitéralle á Xunta e ao Ministerio de Transportes a necesidade de construír sendas peonís na N-547 e AC-840 para mellorar a seguridade dos viandantes

Feb 24, 2023 | Actualidade, Novas

O incremento do trafico rodado, procedente da autovía A-54, incrementou a perigosidade nas estradas que atravesan o noso concello.

O Concello de Melide vén de reiterarlle a Xunta de Galicia e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, responsables das estradas AC-840 e N-547 respectivamente, a necesidade de construír sendas peonís nas saídas do centro urbano de Melide.

Ambas estradas vertebran a comunicación rodada e peonil do concello de Melide, polo que se fan necesarias actuacións que ofrezan unha maior seguridade a peóns e tráfico rodado. A necesidade vén incrementada nos últimos anos polo esaxerado aumento de tráfico rodado, en especial de vehículos de gran tonelaxe, procedentes da autovía A-54, así como polo aumento de accidentes de circulación e atropelos que se están a producir nos últimos meses.

Trátase de zonas que presentan numerosas vivendas residenciais, nas que habitan na meirande parte dos casos, persoas de avanzada idade que camiñan a diario cara o centro urbano para facer as súas xestións diarias.

Por todo isto, o Concello de Melide vén de solicitar a ambos organismos que teñan en consideración a problemática existente e que valoren en próximos proxectos acometer a construción de sendas peonís para mellorar a seguridade viaria no noso concello.