Os traballos de substitución e renovación do peche perimetral deste centro educativo, cuxo material xa excedeu a súa vida útil, son competencia autonómica. O Concello traslada á Xunta igualmente o malestar de nais e pais e o persoal educativo cunha situación que se dilatou no tempo e compromete a seguridade do alumnado do centro escolar.
O Concello de Melide vén de enviar unha misiva á Consellería de Educación da Xunta de Galicia instando ao Goberno autonómico a acometer canto antes obras de renovación do peche perimetral das instalacións do CEIP da Martagona. Na comunicación, o Concello explícalle a Xunta que os informes técnicos municipais constatan que a degradación do muro é consecuencia do final da vida útil do material de formigón armado que compón o peche. É, xa que logo, unha obra de renovación que excede as competencias municipais, limitadas ao mantemento e reparación do centro.
Dende o Concello de Melide fíxose, igualmente, saber á Xunta que a Alcaldía ten recollido nos últimos meses testemuños de gran preocupación por parte dos pais e nais do alumnado do centro, así como da ANPA e o equipo docente, no relativo ao estado da instalación dende o punto de vista da seguridade do alumnado. Téñense celebrado distintas reunións co equipo técnico e co persoal do Concello, seguidas de chamadas ao servizo de inspección, para dar conta da situación e tras os que, porén, a Consellería de Educación non ten dado a axeitada resposta.
“Non se está a dar solución a un problema que é competencia da Consellería e que xa se alonga demasiado no tempo”, sinalou o alcalde, José Manuel Pérez, que reiterou o compromiso do Concello co mantemento das instalacións educativas.

