Abr 11, 2025 | Actualidade, Novas

O acto de nomeamento celebrarase o mércores 16 de abril ás 17h na Casa do Concello. A fotógrafa, pioneira en Galicia, conta cunha destacada traxectoria profesional que se estendeu por máis de medio século. A súa obra salienta polo seu vangardismo técnico e artístico.

O Concello de Melide recoñecerá a figura dunha das súas veciñas máis ilustres, a fotógrafa Mary Quintero, co seu nomeamento como Filla Predilecta. A cerimonia de nomeamento terá lugar o mércores 16 de abril ás 17h na Casa do Concello de Melide. Coa figura de Filla ou Fillo Predilecto, o Concello recoñece aquelas persoas nadas no municipio que salienten por calidades ou méritos en beneficio da comunidade ou que conten cunha gran consideración pública.

Mary Quintero é unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia. É filla de Aurelio García Quinteiro e Amadora Corredoira García, quen posuían un estudio fotográfico na Ronda da Coruña onde a súa filla medrou con xogos coa luz, a cor e a imaxinación. Posteriormente, a familia trasladouse cun novo estudio a Lugo, e Mary Quintero formouse en Madrid co fotógrafo Pedro Jaraba e realizando estudos de arquitectura. De volta en Lugo, e antes de cumprir 16 anos, levou a cabo a súa primeira exposición, “Nuevos horizontes de la fotografía”, en 1947. A súa seguinte exposición, “Cincuenta retratos de mujer”, deulle sona e recoñecemento, permitíndolle abrir un estudio de seu. Quintero dirixiría este negocio en Vigo durante case cinco décadas ata a súa xubilación en 2002.

Un dos trazos do seu traballo é a vontade pioneira. Quintero impulsou técnicas como o uso de pincel para dar cor no branco e negro fotográfico e incorporou nas súas obras técnicas de luz, imaxe, cor e construcións visuais que marcaron tendencias e crearon escola. Introduciu en España e Portugal tecnoloxías como o proxector de fondos. Igualmente, acadou fama polas súas fotografías de estudo, sendo a máis prestixiosa retratista de Galicia. Levou a súa voz e experiencia por congresos e encontros de fotografía arredor do mundo, moitas veces como única muller.

Na súa ampla lista de recoñecementos destácanse o Premio Mellor Fotógrafo de España de 1981, a Medalla de Bronce de Galicia de 2002 ou o recoñecemento como Fotógrafa Histórica por parte da Deputación da Coruña en 2015.

Con este nomeamento, Melide salda unha importante débeda pendente cunha figura de alto nivel profesional e artístico nada na nosa localidade.