As propiedades, un total de catro parcelas, foron cedidas nos testamentos de Liduvina López Mosquera e Manuel José Fernández Taboada para ser xestionadas pola persoa directora do Centro de Servizos Sociais de Melide e o cura párroco da localidade en beneficio exclusivo da terceira idade melidá. A doazón, non suxeita a gravame, permitirá ao Concello dar cumprimento destas disposicións e destinalas ao fin orixinalmente contemplado nas derradeiras vontades.
O Concello de Melide recibiu, baixo a fórmula de doazón, catro parcelas dentro do termo municipal, na parroquia de Furelos, que destinará a servizos orientados ao benestar das persoas maiores de 65 anos. Cumprirá así coas derradeiras vontades dos propietarios orixinais, Liduvina López Mosquera e Manuel José Fernández Taboada, quen estipularon en cadanseu testamento que se destinasen as propiedades a obras e atencións en beneficio da terceira idade de Melide. Con este obxectivo, os testamentos tamén contemplaron que o director do Centro de Servizos Sociais de Melide e o cura párroco da localidade fosen os albaceas das devanditas propiedades para o cumprimento da súa finalidade.
O Concello acepta deste modo a doazón efectuada, como albaceas, por José Manuel Melle Parajuá en calidade de cura párroco de Melide, e por Miguel Pampín Rúa na de director do Centro de Servizos Sociais. A adquisición tivo lugar en réxime de doazón polo procedemento de adxudicación directa a título gratuíto sen carga nin gravames.
As catros parcelas serán destinadas, en cumprimento dos expresos desexos dos propietarios orixinais, a obras e atencións en beneficio dos servizos sociais de Melide, con carácter exclusivo. O alcalde, José Manuel Pérez, agradece o xesto dos propietarios orixinais e dos albaceas para incorporar ao inventario de bens municipais estes recursos en beneficio das e dos maiores do concello.