~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O Concello de Melide recibe en Vigo o premio á mellor xestión deportiva en concellos de menos de 15.000 habitantes.

Mar 5, 2022 | Actualidade, Deporte

O xurado recoñeceu o traballo realizado durante a pandemia, a creación de ligas federadas e o forte investimento realizado, entre outros.

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, acompañado do concelleiro de deportes, José Antonio Prado, recolleu este venres en Vigo o premio que a Asociación Galega de Xestión Deportiva, AGAXEDE, concede á mellor xestión deportiva na categoría de concellos de menos de 15.000 habitantes.

Premiase así a xestión realizada neste mandato na que destaca a programación online de actividades realizada durante o peche das instalacións por mor da Covid-19, a creación de dúas ligas federadas, de Fútbol Sala e Pádel, a creación dun circuíto de andainas así como os fortes investimentos realizados nas instalacións deportivas.
Durante a súa intervención, José Manuel Pérez, apuntou “ Melide dalle importancia ao Deporte como instrumento formativo, de adquisición de valores e de mellora da saúde das persoas, constituíndo unha área prioritaria dentro do goberno.

“ Temos que agradecerlle o traballo realizado a área de Deportes, encabezada polo concelleiro Jose Antonio Prado, ao técnico municipal Tonecho e as monitoras e monitores que con moito traballo e ilusión están a conseguir poñer ao noso humilde concello no mapa da xestión deportiva eficiente, sostivo o alcalde.
Así mesmo, o alcalde destacou “ o galardón non sería posible sen todo o traballo que realizan as asociacións deportivas do noso concello na programación de actividades e de todos os melidenses que participan activamente en todo evento deportivo que se realiza.
O xurado deste XII Premios, presidido por Eduardo Blanco Pereira, está conformado por representantes da Secretaría Xeral para o Deporte, Facultad de Ciencias e do Deporte (UDC), Federación Galega de Municipios e Provincias, Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (UVIGO), Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física de Galicia, Federación Galega de Prensa Deportiva, Unión de Federacións Deportivas de Galicia e Asociación Galega de Xestión Deportiva.