O informe técnico que avaliou o estado da árbore, de 8 metros de altura, sinala o risco que produciría a súa caída por atoparse no seu radio a capela de San Roque e o cruceiro, zona de paso de ducias de veciños e visitantes. A palmeira, gravemente afectada, xa non é capaz de rexenerarse malia non ter presenza da praga.
O Concello de Melide procederá con carácter inmediato á talla da palmeira canaria situada ao carón da capela de San Roque, no centro da vila. A decisión tomouse por recomendación do informe técnico encargado polo Concello, que sinala que a afectación da praga estragou a viabilidade biolóxica do exemplar. A súa progresiva e imparable degradación acabaría ocasionando serios riscos de colapso que poderían afectar aos elementos patrimoniais próximos ou mesmo á integridade física dos peóns.
O Concello de Melide toma esta dolorosa decisión tras dous anos de tratamento no que mediante o sistema de endoterapia se intentou combater a praga do picudo vermello (rhynchophorus ferrugineus) que ocasionou a perda do meristemo apical da palmeira. Isto impídelle á palmeira a xeración de novas estruturas verdes, polo cal dende o punto de vista biolóxico entra nunha fase de degradación que levaría irremisiblemente á podremia. A consecuencia sería a caída das palmas, que poderían alcanzar persoas e elementos patrimoniais. Máis grave aínda, a degradación do tronco levaría tamén a comprometer a súa integridade estrutural e ao colapso. Cunha altura de oito metros, isto crearía unha área de 16 metros de diámetro no mesmo centro de núcleo urbano con risco directo.
Actualmente, a palmeira non presenta presenza do picudo vermello. Porén, a súa infestación, sucedida hai dous anos durante o momento de máxima expansión desta praga, tivo un carácter masivo. Cando se detectaron os primeiros síntomas, a xema apical xa estaba moi afectada, e foi desgarrada da palmeira co primeiro temporal.
A talla levarase a cabo con carácter inmediato no día de hoxe, 7 de febreiro de 2024.