Nas actividades salientan a Semana da Música e as Xornadas Micolóxicas. Teatro, concertos e o tradicional Magosto completan unha programación que un ano máis aposta pola variedade e por chegar a todo tipo de público.
O Concello de Melide pon en marcha un ano máis un completo programa de actividades dentro do seu Outono Cultural. Teatro, música, gastronomía e tradición son algúns dos atractivos desta edición, que se estende ata comezos do mes de decembro.
A programación dá comezo co ciclo de teatro afeccionado ‘O Teatro no Camiño’. Organizado pola Asociación Cultural Charamela, todas as funcións terán lugar no centro sociocultural Mingos de Pita, os días 12, 19 e 26 de outubro, logo das funcións xa celebradas os días 5 e 6.
Haberá dous espectáculos de teatro familiar durante o mes de outubro. O primeira deles será o domingo 13, coa representación de ‘Ninja’, da compañía Os Ghazafelhos. Terá lugar ás 18h no centro sociocultural Mingos de Pita. O seguinte domingo, o 20 de outubro, Malasombra Producións representará ‘A tartaruga Manola’ no mesmo lugar e á mesma hora. O xoves 24 de outubro, dentro das actividades do Día da Biblioteca, Títeres Babaluva levará a cabo senllas funcións para público escolar, ás 10h e as 11.30h, representando ‘A filla do Cacharulo’.
O domingo 27, as actividades do mes de outubro chegan á súa fin co fantástico concerto que ofrecerá a Banda de Música Popular de Tui ás 18:30h no centro sociocultural Mingos de Pita.
A música será precisamente unha das grandes protagonistas do mes de novembro, coa celebración dunha nova edición da veterana Semana da Música da Terra de Melide que organiza a Coral Polifónica. Terá lugar os días 9, 10, 16, 17, 23 e 24 de novembro.
Os sábados 2 e 16 do mesmo mes celebraranse as Xornadas Micolóxicas. Levaranse a cabo, en horario de 10h a 14h, senllas saídas ao monte nas que se explicará como identificar correctamente as especies comestibles de cogomelos e como diferencialas das velenosas. As prazas para esta actividade son limitadas. Pode facerse a inscrición no departamento de cultura do Concello, chamando ao número 981 50 50 03 ou no correo electrónico cultura@concellodemelide.gal.
O domingo 3 de novembro terá lugar unha nova edición do Magosto. Esta celebración tradicional desenvolverase durante toda a tarde no Cantón de San Roque. Arrincará ás 17:30h con xogos tradicionais. Dende as 19h haberá degustación de castañas do país e de chocolate. Ás 19:30h, o grupo Zurrumalla ofrecerá un concerto que porá fin á xornada.
O venres 29 de novembro, o centro sociocultural Mingos de Pita acollerá ás 20h a proxección do filme documental Bravú XXX, unha interesante e instrutiva viaxe pola historia do movemento musical homónimo.
O domingo 1 de decembro, a programación do Outono Cultural rematará co espectáculo de danza ‘O que non se ve’, a cargo do grupo Et Suseia Danza. Será ás 18h no centro sociocultural Mingos de Pita.