Set 10, 2025 | Actualidade, Novas

As actividades inclúen funcións teatrais, unha mesa redonda ou varias exposicións, entre outras. O programa esténdese ata finais de novembro.

O Concello de Melide lanza un ano máis un completo programa de actividades dentro da iniciativa Outono Cultural. Os distintos eventos desenvolveranse dende esta semana ata finais do mes de novembro, incluíndo propostas teatrais e outros actos lúdicos ou culturais.

Os días 6, 13, 20 e 26 de setembro terá lugar o Ciclo de Teatro Amador. Todas as funcións van desenvolverse no centro sociocultural Mingos de Pita a partir das 21h. A organización corre a cargo da Asociación Cultural Charamela.

O mesmo día 26, venres, e dentro das actividades co gallo da conmemoración do Ano Castelao neste 2025, celebrarase unha mesa redonda monográfica. Será ás 20h no centro sociocultural Mingos de Pita. O pasado mes de xaneiro cumpríronse 75 anos da morte do gran galeguista.

O domingo 28 de setembro terá lugar unha función do programa Camino Escena Norte, dirixido a público infantil e xuvenil. Será o espectáculo “Tà”, a cargo de Escena Miriñaque. A función dá comezo ás 18,30h no centro sociocultural Mingos de Pita.

Durante o mes de outubro, a Asociación Cultural Charamela convida a gozar do ciclo de Teatro no Camiño, Haberá funcións no mesmo centro sociocultural ás 21h os días 4, 11, 18 e 25.

O venres 3 de outubro, o Colectivo CBV ofrecerá, en dous pases, a función “Menú do día”. A primeira representación, dirixida ao alumnado de secundaria, será ás 10h. A segunda, ás 20h, para público xeral no centro Mingos de Pita.

O sábado 4 de outubro, Melide acollerá a cerimonia de entrega do Premio de Ciencias Sociais Vicente Risco. O acto terá lugar ás 12 da mañá no salón de plenos da casa do Concello. Neste 2025 o premiado é Xosé Ramón Freixeiro Mato, cunha obra que aborda a relación entre intelectuais de Galicia e Portugal durante o século pasado.

O domingo 12 de outubro terá lugar a proxección do filme “Prisciliano e Gallaecia”, unha oportunidade para achegarse a unha figura fundamental da historia antiga de Galicia. Será ás 19h no centro sociocultural Mingos de Pita.

O seguinte domingo, o 19 de outubro, no mesmo lugar e á mesma hora, terá lugar a actuación co gallo dos 25 anos de Donaire. Esta asociación coruñesa de Música Tradicional celebra así un cuarto de século difundindo a cultura do país.

O venres 24 de outubro celebrarase o Día da Biblioteca. Con tal motivo, a biblioteca Xosé Vázquez Pintor acolle a representación de contacontos “Cantareiras”. Trátase dunha función destinado ao alumnado de primaria dos centros da vila.

Coa chegada de novembro, a cidadanía de Melide ten a oportunidade de volver celebrar a cultura tradicional nunha nova edición do Magosto. Este ano contarase coa actuación de Leirabuxo.

Os días 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de novembro Melide celebrará unha nova edición da Semana da Música da Terra de Melide. Todas as actuacións terán lugar no centro sociocultural Mingos de Pita.

Exposicións durante o Outono Cultural

Ademais destas actividades, durante o outono o centro sociocultural Mingos de Pita acollerá un total de tres exposicións de temática variada. A primeira delas, Fauna Esencial, transcorrerá do 10 de setembro ao 9 de outubro. O 29 de outubro comezará a exposición do XIX Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica, que rematará o 12 do mes de novembro. Dous días despois, o 14, comezará Golfiños na Proa, que se estenderá ata o 27 do mesmo mes.

En todos os casos, o horario de visita será de 18h a 20:30h.