Mai 23, 2025 | Actualidade, Novas

O prazo de inscrición abre o vindeiro luns, 26 de maio. As actividades inclúen propostas deportivas, creativas, medioambientais e lúdicas. Haberá sete quendas entre o 23 de xuño e o 8 de agosto, con 120 prazas cada unha delas.

O Concello de Melide organiza unha nova edición dos seus Campamentos de Verán. As nenas e nenos entre 4 e 12 anos (nadas/os entre 2013 e 2021) poderán participar nun completo programa de actividades que se desenvolve en sete quendas entre os días 23 de xuño e o 8 de agosto. Entre as actividades incluídas hai catro grandes temáticas: deportivas, creativas, medioambientais e lúdico-deportivas.

O prazo de inscrición abre o luns 26 de maio dende as 9 da mañá, e pecharase ás 23:59h do venres 30 de maio. As solicitudes de inscricións presentarase no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica, sempre dentro do prazo sinalado. A documentación a presentar inclúe o modelo normalizado da solicitude -onde se debe sinalar a quenda ou quendas de participación-, unha copia do pagamento da cota de inscrición, un informe médico da nena ou neno no caso de presentar algunha discapacidade, e unha acreditación voluntaria da situación laboral das e dos proxenitores-.

As prazas cubriranse de acordo coa orde de entrada das solicitudes, con prioridade, caso de que a demanda supere a oferta, daquelas nenas e nenos empadroados en Melide. Se todas as prazas se cubrisen con nenas e nenos censados no municipio, terán prioridade aqueles cuxos proxenitores acrediten que estarán traballando durante o período dos campamentos.

O prezo de inscrición é de 20 euros por quenda, habendo 120 prazas dispoñibles para cada unha delas. No caso de familias con dous ou máis fillos inscritos no programa, terán unha bonificación do prezo no 50% por cada crianza a partir da segunda. Ademais, no caso de familias cuxos ingresos conxuntos non superen o importe da RISGA, gozarán dunha bonificación do 100%.

As quendas do campamento desenvolveranse da seguinte maneira: en primeiro lugar, unha quenda do 23 ao 27 de xuño. A segunda quenda desenvolverase do 30 de xuño ao 4 de xullo, e a terceira, entre o 7 e o 11 de xullo. A cuarta transcorrerá entre o 14 e o 18 do mesmo mes, e a quinta fará o propio do 21 ao 24. A sexta quenda estenderase do 28 de xullo ao 1 de agosto. Finalmente, a sétima quenda celebrarase do 4 ao 8 daquel mes.

O horario será en todos os casos de mañá, con entrada ás 8.45 ou ás 9.30h e saída ás 13.30h ou 14.15h. As actividades terán lugar nas instalacións do IES de Melide.

O programa deste ano inclúe unha completa lista de actividades agrupadas en catro categorías. As de carácter deportivo inclúen sendeirismo, tiro con arco, deportes de equipo e predeportivos. As creativas consisten en debuxo, manualidades, pintura e música. As actividades medioambientais inclúen reciclaxe, obradoiros de identificación de pegadas, identificación de flora e fauna e rastrexo no medio. Por último, as actividades lúdico-deportivas constan de xincanas, xogo de pistas, busca de tesouros e xogos populares. O Concello recomenda que os nenos asistan con roupa cómoda e calzado que cubra ben o pé, ademais de gorra. Tamén que acudan con crema protectora posta na casa, auga suficiente para a xornada e unha merenda saudable para media mañá.

Con este programa de actividades, o Concello volve ofrecer un programa de conciliación familiar e laboral para todas as familias de Melide durante as semanas do verán.