~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O Concello de Melide organiza o obradoiro “As túas redes sociais, en galego” para reforzar a presenza da lingua en internet

Mai 15, 2023 | Actividades SNL, Actualidade, Novas

A actividade, enfocada ao alumnado do IES de Melide, desenvolverase entre o 15 de maio e o 22 de xuño. Contará con tres destacados creadores e proxectos dixitais en lingua galega, como son Leti da Taberna, Recuncho Gamer e Nuria Espasandín.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Melide pon en marcha o obradoiro “As túas redes sociais, en galego”. Trátase dunha iniciativa orientada ao alumnado do IES de Melide, que colabora na organización. O obradoiro celebrarase entre o 15 de maio e o 22 de xuño.

Na actividade intervirán tres destacados creadores de contido online en galego: Leti da Taberna, Recuncho Gamer e Nuria Espasandín. Leti da Taberna é unha das máis coñecidas tiktokeiras galegas na actualidade. Recuncho Gamer (Iago Gordillo) é un creador de contidos relacionados cos videoxogos e coa música, que utiliza plataformas como Twitch, YouTube, Tiktok ou podcast. Foi recoñecido co Premio Youtubeiros á Mellor Canle Pioneira no ano 2021. Pola súa banda, Nuria Espasandín crea contidos para Youtube na canle Toxio, recoñecida co Premio Youtubeiros á Mellor Canle en 2022.

O obradoiro constará de dúas fases. A primeira, de carácter didáctico-formativo, versará sobre a elaboración de contidos en galego nalgunha das plataformas máis utilizadas. Na segunda, presentaranse e estrearanse os proxectos realizados polo alumnado.

Dende o departamento de Normalización Lingüística do Concello sinálase que, tal e como recolle a Enquisa Estrutural de Fogares. Coñecemento e uso do galego de 2019, máis da metade da poboación galega utiliza o castelán maioritaria ou exclusivamente en redes sociais. Este reducido uso do galego en internet fai necesarias campañas de normalización coma esta.

Na iniciativa colabora co Concello, ademais do IES, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.