As obras terán un custo de 182.864,43 € e desenvolveranse ao longo de catro meses. A intervención permitirá atender as necesidades desta e doutras vías deterioradas no tecido urbano, actuando sobre 287 metros de rúas. Os traballos inclúen a mellora da seguridade e a humanización do espazo.
O Concello de Melide vai levar a cabo obras de pavimentación e mellora na Avenida de América e as rúas Fernández Flórez, Alfonso Castelao e Magallanes, situadas na área norte do centro urbano melidao. A intervención comprenderá un tramo total de 287 metros de lonxitude entre as distintas vías e pretende humanizar e adecuar o espazo público.
Os traballos destínanse a mellorar tanto a funcionalidade como a seguridade de uso destas rúas, tendo en conta tanto peóns como tráfico rodado. Dado que a zona se caracteriza por tramos de beirarrúa moi estreita e inadecuada dende o punto de vista da accesibilidade das persoas con mobilidade reducida, a intervención instalará unha plataforma a nivel compartida por tráfico rodado e peonil. O espazo de uso para cada tipo de circulación estará delimitado polos materiais e a súa disposición. A zona destinada ao paso de vehículos será xa que logo asfaltada, mentres que a parte peonil constará de pavimento en baldosa. No proxecto tamén se inclúe a canalización de augas pluviais. As beirarrúas actualmente existentes serán demolidas.
A área de intervención está conformada por unha serie de rúas que padeceron historicamente problemas comúns como a falta de ordenación do tráfico e a escasa anchura das beirarrúas, que en ocasións non chega aos 90 centímetros e non resultan accesibles para persoas con mobilidade reducida.
As obras foron adxudicadas, por procedemento aberto simplificado, a Excavaciones Santiños SL por un valor de 182.864,43 €. O prazo para a realización dos traballos é de catro meses. O proxecto inclúese na segunda fase do POS+ Adicional da Deputación da Coruña.

