Out 9, 2025 | Actualidade, Novas

Os traballos foron adxudicados hoxe en Xunta de Goberno local por un valor de 203.933,40 €. Incluirán tanto a renovación do pavimento como a ordenación do uso.

O Concello de Melide levará a cabo traballos de adecuación e posta en valor na rúa Ovedo, en pleno corazón histórico do núcleo urbano. As obras permitirán afrontar necesidades formais desta vía como son a pavimentación, a reurbanización e a organización do tráfico, así como a renovación dos servizos urbanos, caso do saneamento e abastecemento.

Os traballos foron adxudicados na Xunta de Goberno local do Concello á empresa Construcciones M. Espiño SL por un prezo total de 203.933,40 €, a través dun procedemento aberto simplificado con pluralidade de criterios de adxudicación.

O principal obxectivo desta intervención é mellorar a seguridade e a accesibilidade da zona, suprimindo as barreiras arquitectónicas e adecuando a vía para o uso cómodo e diario da veciñanza, mellorando do mesmo xeito a imaxe urbana. Con este fin, o Concello opta por manter ao mesmo nivel o pavimento para o tráfico rodado e o peonil, utilizando lousa de granito. Á fin de harmonizar o uso da vía, o tráfico ordenarase con prioridade peonil, limitando o tráfico rodado ás persoas residentes.

A intervención sobre esta rúa incluíra, alén da renovación do pavimento, o da rede de saneamento -incorporando unha rede separativa de augas pluviais e augas residuais-. Tamén se actualizará a rede de subministración de auga. Igualmente, as obras permitirán incorporar unha canalización común para as instalacións de telecomunicacións, a subministración eléctrica e o alumeado, integrándose cos contadores de lectura remota.

Situada no corazón histórico da vila de Melide, a rúa Ovedo forma parte do BIC do Camiño Francés, Patrimonio Mundial para a UNESCO. Esta obra encádrase no labor xeral levado a cabo polo Concello nos últimos tempos para a posta en valor deste patrimonio de todas e todos os melidaos.