Mai 30, 2025 | Actualidade, Novas

O novo estacionamento vén aumentar a ampla oferta de aparcadoiros públicos desenvolta na vila nos últimos anos. A rúa Alhóndiga non será transitable en vehículo durante os días de mercado.

MELIDE 30 de maio de 2025.–  O Concello de Melide continúa levando a cabo intervencións no espazo público para a mellora da mobilidade. Desta volta, vén de habilitar un novo estacionamento público e gratuíto na rúa México que ofrece xa un gran número de prazas na contorna do centro urbano melidao, contribuíndo á desconxestión do tráfico rodado na vila.

O novo espazo de estacionamento, que se engade ao xa existente nas proximidades, foi habilitado grazas á cesión dos terreos por parte de varios particulares. A instalación do novo aparcadoiro supón, igualmente, unha readaptación dos usos da vía e do espazo circundante, a fin de facilitar o uso das novas instalacións. Con este obxectivo, de agora en adiante o estacionamento estará prohibido en ambos os dous sentidos da rúa México. Igualmente, a saída desde a Rúa México polo Camiño das Cabadas non estará permitido polo que se instalou a correspondente sinalización vertical.

O novo aparcadoiro público súmase á longa lista de espazos de estacionamento habilitados nos últimos anos polo Concello de Melide, que inclúe, alén do previamente existente na rúa México, os da avenida da Habana, o Castelo e a rúa Rosalía de Castro.

Por outra banda, e dentro das actuacións levadas a cabo para mellorar a mobilidade na zona, o Concello de Melide anuncia a prohibición de circular en vehículos en toda a rúa Alhóndiga os días de mercado, entre as 8h e as 15h. Esta medida facilitará a realización da actividade comercial sen os inconvenientes ocasionados polo tráfico de vehículos, e comezará a aplicarse xa o vindeiro domingo, 1 de xuño.