Dec 9, 2022 | Actualidade

As campañas de Dinamización Comercial do Concello de Melide foron recoñecidas en 2021 a nivel estatal, en concorrencia con ducias doutras iniciativas, como proxecto singular pola Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación. Esta nova campaña destacará a variedade, calidade e proximidade do comercio local.

O proxecto Dinamización do Comercio de Melide continúa levando a cabo accións de promoción e difusión do comercio local melidao. No marco desta iniciativa, que recibiu o ano pasado unha importante axuda  por valor de 49.044,69  € da  Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de España, recoñecéndoa como proxecto singular, en próximas datas o Concello de Melide lanzará una nova campaña denominada “Melide Destino, os Domingos de Melide” onde se porá en valor a calidade do noso comercio local.

Deste modo, e segundo sinalou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas, “ a campaña destacará que en Melide temos todo o necesario para a compra de produtos diversos, de forma rápida e de confianza”. No comercio local melidao, explicou o edil, salienta a calidade dos produtos e a proximidade xeográfica para o comprador. “Alimentación, téxtil, hostalería… Melide ten calidade en todo tipo de produtos e servizos e, ademais, o feito de mercar aquí repercute positivamente na vida local”, engadiu.

Para o edil, “un comercio local forte tradúcese nunha vila con xente e con servizos, con vida nas rúas e dinamismo social e cultural”. Neste sentido, Igrexas salientou que “a calidade indiscutible do proxecto Dinamización do Comercio de Melide impúxose sobre ducias doutros proxectos a nivel estatal”, demostrando “a aposta forte que este Concello fai pola economía local” como un alicerce chave para a recuperación social e económica despois da pandemia.