O dispositivo de vixilancia, que vén de pórse en marcha, permitirá coidar da seguridade neste importante espazo para a economía local. A instalación supón un investimento de 17.998,87 euros.
O Concello de Melide vén de pór en marcha un sistema de videovixilancia no Polígono da Madanela. O dispositivo xa se atopa operativo e permitirá garantir a seguridade nun punto sensible polo seu valor económico.
A instalación deste sistema de dez cámaras supuxo un investimento próximo aos 18.000 €. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Xosé Igrexas, considera que “con este investimento, trasladamos unha mensaxe de confianza aos axentes económicos do noso concello, porque dende a administración pública velamos pola integridade dos produtos, mercadorías, instalacións e infraestruturas das empresas situadas no noso polígono industrial”.
Do mesmo modo, o edil salientou as características técnicas do dispositivo, con tecnoloxía de última xeración orientadas a garantir tanto a fiabilidade do servizo como a durabilidade do mesmo.