Os traballos prolongaranse tres semanas. Retiraranse os lodos e reconduciranse cara á canle do muíño, onde se situará unha barreira de retención de sedimentos. O Concello non escatimará esforzos para que a área fluvial sexa desfrutable durante os meses de verán.
O Concello de Melide pon en marcha os traballos de retirada de lodos na praia fluvial do río Furelos. O obxectivo desta actuación é adecentar a zona de baño, que ten sufrido historicamente os efectos da acumulación de sedimentos que o río non é capaz, dada a intervención humana no último século, de desprazar por si mesmo. Con estas dificultades en mente, o Concello acomete estes traballos co propósito de que a área fluvial estea en condicións.
O proxecto, para o que se solicitou a preceptiva autorización de Augas de Galicia, inclúe tanto traballos de drenaxe superficial na zona de baño como de limpeza da canle do muíño. Preténdese librar a zona de baño dos lodos que actualmente a invaden, ocasionando turbidez e o acceso á mesma área.
Os traballos comezarán pola retirada dos lodos secos e consolidados situados por riba da lámina de auga, empregando para tal fin unha culler bivalva. Estes lodos trasladaranse para ser utilizado como fertilizante en montes e praderías, xa que son susceptibles de emprego para uso agrícola . Posteriormente, empregarase unha bomba de aspiración de lodos que verterá na canle do muíño para que as augas alodadas se filtren e sedimenten ao longo da vexetación. Aproximadamente a cen metros do inicio da canle, colocarase unha barreira de retención de sedimentos, construída con balas de palla de cereal e xeotéxtil, que se fixará ao terreo a través de estacas de madeira de piñeiro. A altura desta barreira será de un metro. Se o volume de logo decantado na canle fose excesivo, limparase a través de medios mecánicos.