A concelleira de Cultura, Mayka Basalo Santín, participou xa en representación do Concello na xuntanza que mantivo o Padroado o pasado sábado, 25 de novembro.
O Concello de Melide vén de entrar a formar parte do Padroado da Fundación Vicente Risco. Na xuntanza deste organismo celebrada o pasado sábado, 25 de novembro, oficializouse a incorporación coa participación na mesma da concelleira de Cultura, Mayka Basalo Santín.
Esta integración vén culminar unha traxectoria de colaboración entre o Concello e a Fundación. De feito, Melide acolleu o ano pasado a entrega do XXVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, cando se recoñeceu a obra “Liberdades antigas, tempos modernos: o republicanismo de Castelao”, de David Rodríguez.
A concelleira de Cultura valorou moi positivamente esta participación e lembrou a ligazón da figura de Vicente Risco á Terra de Melide, cuxo folclore investigou na década dos anos 30 do pasado século. “Esperamos seguir colaborando coa Fundación e participando nas súas actividades”, explicou, considerando que a Fundación Vicente Risco é “un actor cultural de primeira magnitude comprometido coa lingua e cultura galegas”.
A Fundación Vicente Risco, con sede en Allariz, naceu co obxectivo de preservar o legado material e cultural do polígrafo ourensán, unha figura fundamental no estudo da cultura galega e no desenvolvemento do galeguismo de preguerra.