~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O Concello de Melide concorrerá a unha subvención para a reforma e posta en valor dos accesos a Melide polo Camiño de Santiago

Mai 11, 2023 | Actualidade, Novas

A Administración local presenta o proxecto ás axudas do programa de mellora da competitividade e dinamización do patrimonio histórico con uso turístico do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Prevé intervir para mellorar o pavimento, accesibilidade, axardinamento e recollida de augas de varios puntos do municipio ao paso do Camiño.

O Concello de Melide traballa dende hai anos en distintas actuacións de reforma e posta en valor do Camiño de Santiago ao paso polo termo municipal, incluíndo o seu tramo urbano. Neste sentido, nos últimos anos reformáronse importantes espazos do centro como a rúa San Antón, a antiga praza de abastos, o cantón de San Roque ou a avenida de Lugo, así como rúas Principal e Progreso, na zona histórica. Todas estas actuacións supuxeron unha mellora da imaxe do núcleo urbano e do Camiño de Santiago. Agora, o Concello procura vías de financiamento para acometer a reforma e posta en valor dos accesos á Melide coincidentes co Ben de Interese Cultural do Camiño de Santiago.

Con este obxectivo, o Concello vén de presentar o proxecto ás axudas do programa de mellora da competitividade e dinamización do patrimonio histórico con uso turístico do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Por medio destas axudas, o Concello planea levar a cabo a renovación dos pavimentos e da rede de saneamento, de forma que se separe a recollida de augas pluviais e residuais. Tamén prevé a renovación da rede de subministración de auga e a incorporación dunha canalización común para as instalacións de telecomunicacións, subministración eléctrica e alumeado. O sistema de iluminación será tamén revisado, e mellorarase o mobiliario urbano e o axardinamento.

Os ámbitos de actuación inclúen o acceso a Melide dende Furelos, no Camiño Vello, onde se mellorarán as condicións de accesibilidade universal, suprimindo barreiras arquitectónicas e renovando o pavimento. Máis adiante, na circunvalación da Feira, completarase a urbanización da zona, reducindo os anchos da vía e ampliando a anchura das beirarrúas. Na rúa Furelos tamén se actuará sobre o pavimento e espazos verdes. Por último, no acceso a Santa María desde o Castelo, levaranse a cabo traballos análogos de mellora do espazo.

O investimento total para este proxecto achégase, nas proxeccións orzamentarias do Concello, aos 2.860.000 euros.