Grazas a este acordo repararase o firme de trece rúas, pavimentándoas e renovando a sinalización horizontal. O alcalde, José Manuel Pérez, amosa a súa satisfacción por un convenio longamente demandado polo Concello para garantir investimentos xustos e equitativos no municipio.
O Concello de Melide vén de asinar coa Deputación da Coruña un convenio de colaboración para a execución de obras de mellora en trece rúas do municipio. O investimento total será de 300.000 euros, achegados nun 20% (60.000) polo Concello e nun 80% (240.000) pola Deputación. A sinatura do documento tivo lugar o pasado venres, entre o alcalde, José Manuel Pérez Penas, e o presidente do ente provincial, Valentín González Formoso.
Para o rexedor melidao, a sinatura deste convenio é “un importante logro froito dun esforzo persistente do Goberno local”. Pérez Penas recorda que “o Concello de Melide sempre pediu que se levase a cabo un reparto equitativo dos fondos provinciais entre os distintos concellos, de acordo coas características poboacionais e territoriais” que puidese dar resposta ás necesidades de municipios como Melide.
As actuacións previstas neste convenio inclúen traballos nas rúas Alfredo Álvarez González, Camiño O Meire, Camiño Cabanelas, acceso á Cooperativa, Alcalde Andrés Rodríguez Martínez, Camiño Arribas, Camiño Gondolín a Garea, Xoán XXIII, Sofía Casanova, Pastor Barral Camoiras, Bocelo, Rañado, Pilar e San Salvador. As obras permitirán reparar o firme das mesmas, así como pavimentalas, abrir e limpar as cunetas e renovar a sinalización horizontal.
Logo da sinatura, Formoso afirmou que “o mantemento das infraestruturas municipais é esencial para garantir a seguridade viaria, mellorar a calidade de vida da veciñanza e contribuír a unha imaxe máis coidada e atractiva das nosas vilas e cidades”.