Os traballos incluíron a instalación de 20 novos focos, así como a colocación de cadros protectores e uns 250 metros de liña eléctrica. A intervención levouse a cabo en seis puntos do termo municipal.
O Concello de Melide vén de levar a cabo traballos para arranxar o alumeado público en diversos tramos do Camiño de Santiago ao paso polo municipio. En total, interveuse en seis puntos para a instalación de 20 novos focos e outras infraestruturas.
Deste modo, no Carballal (parroquia de Santa María) instaláronse oito focos LED cunha potencia de 40 wattios. En Leboreiro colocáronse seis focos LED da mesma potencia, e outro na intersección do Camiño coa estrada N-547.
Pola súa banda, no Camiño Vello de Santiago, no km 53 da estrada, instalouse un cadro de protección e 250 metros de liña. No Barreiro instaláronse tres focos LED de 40 wattios, e dous do mesmo tipo foron colocados en Riocobo, ademais dun cadro de protección e medida.
Estas actuacións inclúense dentro dun conxunto amplo de traballos que se realizan de modo constante para mellorar a luminosidade das vías públicas e a renovación de instalacións de uso público. O Concello reitera o seu compromiso para manter os espazos públicos de Melide en condicións de uso cómodo, seguro e accesible.
Esta intervención no alumeado público foi posible grazas a un convenio entre a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés e mais a Axencia de Turismo de Galicia. En total, os traballos tiveron un custe de 13.915 €.