Mai 26, 2023 | Actualidade, Novas

O novo solo industrial, próximo á autovía, sitúase nun punto estratéxico de comunicación do Concello e dotará Melide de máis de 300.000 novos metros cadrados para o crecemento económico. Os actuais propietarios dos terreos teñen capacidade de iniciativa para a urbanización, sen prexuízo da capacidade do Concello para buscar alianzas de desenvolvemento do espazo industrial. 

O Pleno extraordinario de Melide celebrado na tarde do xoves 25 de maio aprobou por maioría absoluta a modificación das normas subsidiarias que permitirá delimitar un novo sector de solo industrial en Melide. Deste modo, ponse fin a un dos grandes obstáculos para o crecemento empresarial do municipio, que sumará 318.000 novos metros cadrados.

O terreo que se converte así no novo solo de uso industrial atópase nas proximidades da autovía Lugo-Santiago, un punto estratéxico de comunicación que se verá reforzado cando rematen as obras desta infraestrutura. A localización conta con todos os informes favorables preceptivos -secretaría, intervención e asesoría xurídica-. A inexistencia destes informes supuxo o descarte doutras alternativas, caso da ampliación do polígono da Madanela -imposible por afectar terreos da Rede Natura- ou unha área próxima ao cemiterio de Furelos.

A proposta sometida a Pleno extraordinario contou cos votos positivos dos grupos de Adiante Melide e Partido Socialista Obrero Español, mentres que o Partido Popular mantivo a mesma postura que no Pleno Extraordinario de febreiro onde se opuxo ao proxecto de ampliación de solo industrial.

A fórmula de urbanización será a través de un proxecto de compensación, se eesta non prosperara transcorrido o prazo dun ano, o Concello poderá promover alianzas estratéxicas coas administracións de rango superior, caso da autonómica, estatal ou europea.

Na súa intervención, a popular Dalia García criticou a fórmula escollida e defendeu optar por unha recalificación do solo afectado e incluílo no plan de áreas sectoriais. En resposta, o portavoz socialista José Prado lembrou que coa fórmula aprobada “aos propietarios resérvaselles, non se lles obriga, a posibilidade de poder actuar durante os primeiros doce meses”. Prado referiuse tamén ao esgotamento do solo industrial dende o ano 2010, sen que durante moitos anos se levase a cabo un proxecto.

Pola súa banda, o portavoz de Adiante Melide, Xosé Igrexas, defendeu o “interese maior” de Melide en dotarse dun novo solo industrial. “É o proxecto fundamental do futuro de Melide”, asegurou sobre a proposta aprobada en Pleno, sinalando que non apoiar esta proposta “non é ir en contra do Goberno senón ir en contra de Melide”. “Nun futuro próximo teremos un novo parque industrial”, prometeu.

Pechou o debate o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, quen detectou “sintonía” entre todos os grupos políticos a prol da dotación de solo industrial. Lembrou que xa no ano 2017 o Concello comezou a traballar na modificación onte aprobada, o que supón unha continuidade do proxecto entre mandatos. Defendeu a opción escollida para os terreos, entendéndoa como “a mellor para os intereses de Melide”. “Non pode volver suceder que unha nova empresa queira instalarse en Melide e nos colla sen solo industrial”, resumiu para expresar a urxencia da aprobación, finalmente levada a cabo.