~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O Concello de Melide adquire un solar de usos múltiples no corazón da vila que facilitará a realización de eventos ou o estacionamento

Xan 2, 2024 | Actualidade, Novas

A compra formalizouse o pasado venres por 975.000 euros. O solar xa foi utilizado no pasado cos mesmos usos e bos resultados grazas a unha cesión previa do espazo. Anexo á N-547 e ao Camiño de Santiago, a súa localización é estratéxica.

O Concello de Melide vén de formalizar a adquisición directa de catro parcelas no centro da vila que conforman un amplo solar que queda deste modo dispoñible para o uso de aparcadoiro público e celebración de grandes eventos. Este solar xa tivera estes usos no pasado recente, xa que entre 2020 e 2022 foi cedido, de forma gratuíta, ao Concello con estes fins.

A adquisición destes terreos xustifícase na necesidade do municipio de contar con espazos nun emprazamento especialmente privilexiado para os usos previstos. Así, o solar está situado no centro do trazado urbano, a só corenta metros da N-547. A súa utilización como local de estacionamento público supón, por tanto, a oportunidade de desconxestionar o tráfico rodado nunha zona céntrica atravesada a diario por un importante número de vehículos.

Do mesmo xeito, e dados os usos provisionais previstos -grandes eventos, feiras e festas-, a súa situación é especialmente adecuada por atoparse adxacente ao Camiño de Santiago.

Ademais, tal e como se recolle no informe pericial de asistencia técnica en materia de urbanismo ao Concello, as parcelas escollidas teñen uns custos iniciais de urbanización baixos.

Cómpre sinalar por último que en marzo de 2023 o Servizo de Asistencia Técnica a Municipios da Deputación da Coruña emitiu un informe onde avalaba tanto o uso como aparcadoiro como a fórmula de adquisición directa dos terreos.

Parcelas e prezo da adquisición

As catro parcelas que conforman o solar obxecto da compra son a parcela de solo urbano consolidado nº45, e as de solo urbano non consolidado nº 06, 46 e 47. A taxación do valor das mesmas fíxose por un valor de 928.818 €. O prezo final será de 974.950,60 euros, dada a aplicación do IVE correspondente.

O Concello emitiu o pasado mes de decembro a oferta de compra, cos preceptivos informes favorables da intervención municipal sobre a consignación orzamentaria e da secretaría sobre o procedemento de adquisición directa. A formalización da adquisición tivo lugar o pasado venres, 29 de decembro de 2023.

O alcalde, José Manuel Pérez Penas, amosou a súa satisfacción por esta compra. Lembra o rexedor que o solar deu un servizo moi necesario a todo o pobo de Melide durante os dous anos que permaneceu cedido ao Concello, e que mediante esta fórmula se garante a dispoñibilidade pública deste amplo espazo no futuro.