~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

Nota aclaratoria do goberno do Concello de Melide sobre a acusación verquida polo Partido Popular pola ocultación dun Informe.

Feb 10, 2023 | Actualidade

O goberno de Melide cumpriu en todo momento coa lexislación aplicable no acceso a información, segundo indica o informe elaborado por Secretaría, por petición da alcaldía.

Dalia García non solicitou copia do Informe polo que coa a súa publicación nas redes sociais está presuntamente actuando en contra da lei.

A voceira do grupo municipal do Partido Popular de Melide, Dalia García, vén de acusar nas últimas datas ao goberno de Melide sobre a ocultación dun Informe elaborado pola Secretaría deste concello con respecto a adquisición directa dos terreos do aparcadoiro da Avenida da Habana.

Ante estas graves acusacións, a alcaldía solicitoulle Informe a Secretaría sobre o dereito de acceso á información pública dos concelleiros e o deber destes de gardar reserva en relación coas informacións que se lles faciliten para facer posible o desenvolvemento da súa función.

Segundo consta no informe de Secretaría, existen dous expedientes distintos sobre este asunto: un sobre a “Aprobación Inicial da Modificación Orzamentaria”, que é de libre acceso, e outro sobre a “Adquisición Directa dos Terreos”, expediente que se atopa en trámite e polo tanto está inconcluso e que según indica o Informe de Secretaría, “está suxeito ao artigo 16 do ROF en materia de acceso e neste sentido o acceso a esta documentación só se pode facer polo alcalde en canto presidente da Xunta de Goberno Local”

Polo tanto, Dalía García tivo acceso a toda a documentación do expediente de libre acceso, “Aprobación Inicial da Modificación Orzamentaria”, e tamén tivo acceso ao informe que figura no expediente de “Adquisición Directa dos Terreos”, acceso que se lle deu, a este último, por orde da alcaldía, actuando de boa fé, con total transparencia, sen ocultación ningunha, seguindo a jurisprudencia aplicable segundo a cal o dereito a información debe ser aplicado xenerosamente. Cómpre lembrar que a este informe só se pode acceder coa autorización do alcalde.

Na mesma liña, o Informe elaborado por Secretaría fai mención a que “os membros da Corporación teñen o deber de gardar reserva en relación coas informacións que se lles faciliten para facer posible o desenvolvemento da súa función, singularmente das que han de servir de antecedente para decisións que aínda se atopen pendentes de adopción, así como para evitar a reproducción da documentación que poidas serlles facilitada para o seu estudo”.

Dalia Garcia só tivo acceso ao informe, sen posibilidade de copia polo tanto coa publicación do informe nas redes socias de Populares de Melide está presuntamente actuando en contra da lei.

Cómpre destacar, que o Informe negativo elaborado pola Secretaría sobre o procedemento de adquisición dos terreos, é un informe preliminar, non definitivo nin vinculante, solicitado pola alcaldía coa finalidade de establecer os pasos necesarios para formalizar a compra do solar.