Unha mostra fotografica, concertos, teatro infantil ou sesións vermús conforman unha programación con 16 citas ineludibles que se estenden ata mediados de agosto.
O departamento de Cultura do Concello de Melide organiza un ano máis unha completa programación de Verán Cultural. As actividades comprenden concertos, funcións teatrais ou espectáculos infantís. Estenderanse dende esta mesma fin de semana a mediados do vindeiro mes de agosto.
As actividades dan comezo o domingo 9 de xullo coa primeira edición dos Domingos Infantís a cargo de Rapazada dos 90, ás 12h no Cantón de San Roque. Neste espectáculo, a voz de María Pardo e Manuel Varela ao piano exploran a infancia dos anos 90 por medio de cancións da época e letras readaptadas. Toda unha oda á nostalxia daquel tempo.
Esa mesma tarde, celébrase o Falaredes coa obra de teatro O Furancho de Ibuprofeno Teatro, subvencionada pola Secretaría Xeral Política Lingüística. Trátase dunha comedia orientada ao público adulto. Está escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, e protagonizada por Marián Bañobre e Isabel Risco. Será ás 20:30h no Centro Sociocultural Mingos de Pita.
O luns 10 inaugurarase a mostra fotográfica “25 anos mirando ao ceo”, do Club de Astronomía Vega. Comprende unha colección de astrofotografías tomadas polos socios do club cos seus telescopios e cámaras. Estará na Casa do Concello ata o 30 de xullo.
O sábado 15 de xullo, a Banda de Música de Vilatuxe ofrecerá un concerto ás 22h na Praza do Convento. O veterano conxunto foi fundado en 1942 e ten recibido varios premios ao longo da súa traxectoria. O seu repertorio é moi variado, unindo música tradicional e actual, con peso importante da música galega.
Ao día seguinte, o domingo 16, a Banda de Música de Silleda ofrecerá dous concertos. Serán ambos na praza do Convento, ás 14h e ás 21h.
Nunha nova edición dos Domingos Infantís, o sábado 23 de xullo ofrecerá o seu espectáculo a maga Lore Lavand. Trátase dunha artista arxentina que mestura maxia, humor e teatro, achegando a través do ilusionismo experiencias inesquecibles ao público. A representación será ás 12h no Cantón de San Roque.
O mesmo domingo terá lugar a actuación de Carta de Ajuste dentro do Vermú no Camiño. Será ás 13h na zona vella. Carta de Ajuste é un grupo con 13 anos de traxectoria, que versionan en acústico grandes temas dos 80 e 90.
O sábado 29 de xullo, Sofía Espiñeira actuará ás 22h na praza do Convento dentro do programa das Noites Musicais. Esta mugardesa cobra forza no ámbito da música galega. Foi premiada co Martín Codax na categoría de Canción de Autora.
O domingo 30 de xullo, o Domingos Infantís incluirá o espectáculo de monicreques de Babaluva Teatro “A Feira das Sementes”. Un espectáculo onde se trocan as sementes por contos, refráns e cancións. Será ás 12h no Cantón de San Roque. A sesión de Vermú no Camiño dese mesmo día correrá a cargo de El Borrón del Escribano. Será ás 13h no casco antigo.
A programación prosegue en agosto
Xa o sábado 5 de agosto, Ukestra do Medio actuará ás 22h na Praza do Convento como parte das Noites Musicais. Este orixinal grupo compostelán de ukeleles naceu hai 10 anos e versiona temas de estilos moi diversos.
No Domingos Infantís do 6 de agosto representarase o espectáculo de novo circo “A Vida Tola de Pajarito”, de Natalia Outeiro. Será ás 12h no Cantón de San Roque. É un espectáculo de clown e escapismo para todos os públicos.
Ese mesmo mediodía, a partir das 13h, Dani Royo actúa na zona vella no Vermú no Camiño. Esta banda versiona pop e rock español dos anos 80, salientando nomes como Miguel Ríos, Manolo García, La Guardia, Joaquín Sabina ou Hombres G.
O sábado 12 de agosto, o espectáculo de Noites Musicais inclúe a actuación de Catuxa Salom. A artista fusiona folclore galego, ritmos latinos e electrónica, reivindicando a vida rural ou o ecofeminismo. Actuará ás 22h na Praza do Convento.
Ao día seguinte, o domingo 13 de agosto, as actividades do Verán Cultural péchanse co espectáculo “Oh-Pera” de Circo Chosco, dentro da programación de Domingos Infantís. Será ás 12h no Cantón de San Roque. Este show combina acrobacias, danza, movementos e equilibrios, cunha posta en escena orixinal.
A última actuación nos Vermús no Camiño corre a cargo de Andrea&The Black Cats, gañadores do VI Concurso da Sociedade de Blues de Barcelona. Un directo cargado de proximidade e unha característica atmosfera que se poderá desfrutar dende as 13h na zona vella.