Cinco días de festa para unha das grandes celebracións do ano. O concurso de disfraces celébrase o domingo, co tradicional pasarrúas e queima do entroido o martes.
O Concello de Melide organiza neste 2024 un completo programa de actividades para celebrar o Entroido. En total, serán cinco días de diversión, festa e actividades que encherán de cor, maxia e imaxinación as rúas da vila.
O Entroido arrinca o sábado 10 de febreiro con senllas actividades para toda a familia. A praza das Coles acollerá de 17h a 19h unha Festa Infantil de Disfraces que incluirá xogos, baile, música ou obradoiros. Posteriormente, ás 19:30h, sairá da praza do Convento un fantástico Pasarrúas de Entroido acompañado do Folión Grileiro. Cando remate, celebrarase na praza das Coles unha foliada coa Escola de Música e Baile Tradicional Herba Grileira, na que se degustarán produtos típicos destas datas.
O domingo 11 celébrase unha nova edición do Concurso de Disfraces, con suculentos premios para as persoas participantes, e onde unha vez máis a veciñanza melidá deixará fluír a imaxinación. Haberá tres categorías: comparsas (máis de oito participantes), grupos (de tres a oito participantes), e individuais ou parellas. As comparsas terán dous premios de 1.000 e 700 € respectivamente. Os grupos, outros dous, no seu caso de 400 e 300 euros. Tamén serán dous os premios na categoría de individuais e parellas, con importes de 150 e 100 euros. As bases do concurso explicitan que os menores de idade non poderán participar na categoría individual ou por parellas se non van emparellados cun adulto.
O concurso arrincará ás 16:30h coa recepción ás persoas participantes no cantón de San Roque, dende onde partirá o desfile unha hora despois. Finalmente, ás 18:30h terá lugar o concurso propiamente dito no Pazo de Congresos.
Ao día seguinte, domingo 11, o Centro Social acollerá a celebración dun baile amenizado polo trío Son Remolino. Será ás 17h.
Luns e martes de Entroido
O luns 12 de febreiro agarda unha tarde de diversión. O Pazo de Congresos será escenario dunha fabulosa festa de inchábeis que se prolongará entre as 16h e as 20h e onde as e os pequenos da casa se divertirán coma nunca.
O martes 13, ás 19h, partirá da praza do Convento un novo Pasarrúas de Entroido acompañado polos Gaiteiros do País. Unha hora despois, ás 20h, a praza das Coles acollerá un espectáculo de animación musical con Nelson Quinteiro, a Agrupaación Máis Cantos e charanga tradicional. Haberá degustación de doces de entroido e de chocolate.
Ás 21h as festas terán o seu punto culminante na mesma praza das Coles coa lectura do pregón e a tradicional e agardada queima do Entroido.
Talleres de entroido
De luns a mércores celebraranse uns obradoiros de entroido para as e os pequenos da casa, a partir de cinco anos de idade, no Edificio Multiusos. Nesta actividade aprenderán a facer disfraces caseiros. En horario de 11h a 12:30h, o luns aprenderán a facer máscaras con refugallos. O martes será a quenda dos sombreiros divertidos, e o mércores, dun obradoiro creativo espacial. A inscrición nestas actividades debe facerse no departamento de Cultura do Concello, sendo as prazas limitadas.
Na organización deste programa impulsado polo Concello de Melide colaboran Herba Grileira, Gaiteiros do País e mais a Asociación Cultural e Ecolóxica Curuxás.