O Concello de Melide celebra do 16 ao 18 de setembro a quinta edición do Mercado de 1900 de Furelos. A cita servirá para a dinamización turística da vila e incluirá un tren turístico que unirá o casco urbano melidao con Furelos para facilitar os desprazamentos de visitantes.
Animación, música, teatro, artesanía e exposicións compoñen unha variada oferta de lecer para a fin de semana.
Melide acolle este mes de setembro a V edición do Mercado de Época Furelos no 1900. Unha cita que se consolida e na que se convida a veciñanza e visitantes a mergullar no Melide do pasado, rememorando e recreando a estética da época. Un ano máis a animación, a música, o teatro e a artesanía son o fío condutor desta viaxe no tempo.
Esta nova edición aposta por fortalecer o carácter dinamizador sobre o turismo local que posúe este mercado e contará cun atractivo engadido: o Tren Turístico Furelos no 1900, que unirá o centro da vila con Furelos. As paradas atoparanse diante da Capela de San Roque e Furelos, onde se celebra o evento. A frecuencia do tren será dunha hora entre viaxes.
O Mercado de Época abrirá as súas portas o venres 16 de setembro ás 19h. Posteriormente, o sábado 17 e o domingo 18 abrirá ás 11.30h. O peche será ás 12 da noite nas tres xornadas.
A animación e a música non faltarán. O sábado pola mañá, os visitantes poderán desfrutar da actuación de Froito Novo. Á tarde, actuará o grupo Falcatrueiros de Palas de Rei e representarase a obra de teatro “De onde veñen os Congos”.
As actividades do sábado incluirán pola tarde os Xogos Populares.
Durante a xornada do sábado e do domingo terán lugar Obradoiros de Pan a cargo de Esparto, e Demostracións de Elaboración de Tella a cargo dos Telleiros de Furelos.
As actuacións do domingos inclúen Meigas e Trasgos de Sarria e Louband de Sarria. Igualmente, terá lugar o espectáculo teatral “Contos, voltas e reviravoltas”. Ademais, o domingo incluirán a actuación pola tarde Garabatos de xogos, un compendio de xogos fabricados de materiais reciclados. e unha Homenaxe aos Telleiros de Furelos.
Tamén dende o venres ata o domingo na Casa Museo de Furelos recrearase a Escola do Pasado, actividade que se realiza grazas ao Museo Pedagoxíco de Galicia.
Dende a Concellería de Promoción Económica resalta que con este tipo de actividades o obxectivo é fortalecer o rural e seguir apostando polo turismo de interior. O concelleiro, Xosé Igrexas destaca que: “ Furelos e Melide é sinónimo de camiño de santiago, camiño que vertebra non só a cultura, senón tamén o lecer, a econoíia e a recuperación de oficios tradicionais, así este ano faremos un recollecemento aos telleiros que ainda participan con nós neste Mercado de época. Furelos no Camiño vai ser o epicentro o fin de semana do 19 ao 18 de setembro do Mercado de época do cerne de Galicia”