Ago 8, 2024 | Actualidade, Novas

Tres días de mercado, xogos e diversión de ambientación medieval para todas as idades. Coincidirá coa celebración do Mercamelide na rúa, reforzando esta importante cita de dinamización comercial.

Melide prepárase para unha fantástica viaxe á Idade Media coa celebración dun Mercado Medieval na fin de semana do 9 ao 11 de agosto. As rúas da zona histórica da vila acollerán esta celebración que ofrecerá diversión para veciños e visitantes de todas as idades e suporá, xunto co Mercamelide na rúa que se celebra nas mesmas datas, un novo impulso de dinamización comercial e de lecer estival. O mercado e o conxunto de actividades e actuacións incluídos na programación celebraranse nos espazos da Praza das Coles e a Praza do Convento, así como as rúas do Convento e San Pedro, no corazón da zona vella.

Durante o horario de mercado haberá actividades, xogos e diversión para toda a familia. Habilitarase un recuncho infantil que abrirá e pechará as súas portas no mesmo horario que o mercado. Os pequenos da casa poderán desfrutar de xogos de mesa. Ademais o mestre Antonio ensinará a facer coroas de esparto, e haberá atraccións infantís. Como en todo evento medieval que se prece, haberá actividades de tiro con arco que poderán desfrutar cativos e non tan cativos.

As actividades darán comezo a partir das 6 da tarde do venres 9, cando o Mercado abrirá as súas portas. Ás 18:30h arrincará o pasarrúas musical con Gálata, que dará paso ás 19h ao espectáculo “Froilán, un trasno moi traveso”. Ás 18:30h celebrase o espectáculo “Os alegres e coloridos bufóns co Bufón Rojo”. Ás 20h haberá unha nova actuación de gaitas e tambores con Gálata, antes do espectáculo “Gandulf, un peregrino moi peculiar” ás 20.30h. Ás 21h celebrarase un novo pasarrúas co Bufón Rojo, antes da actuación dun monxe moi traveso ás 21.30h, cando comezará o último pasarrúas do día con Gálata. Ás 22h as actividades péchanse coas sorpresas do Bufón Rojo.

O sábado 10, o mercado abrirá a partir das 11 da mañá, antes do pasarrúas das 11.30 con Gálata e da actuación ás 12h do traveso Froilán. Ás 12:30h celebrarase o espectáculo do Bufón Rojo cos nobres venecianos, acompañado por un novo pasarrúas ás 13h e un paseo pola rúa dos bufóns canda o Bufón Rojo ás 13:45h. Froilán retoma o seu espectáculo dende as 14h.

Ás 14:30h celebrarase o xantar nas tabernas e cantinas. O mercado reabrira as súas portas ás 18h, antes da actuación ás 18:30h de gaitas, fanfarras e tambores con Gálata. Ás 19h desfrutarase do espectáculo do ariete xigante, antes da Trupete de Luisete ás 19:30h. Ás 20:15 volverá actuar o Bufón Rojo coa Santísima Trindade, para as 20:45 desfrutar da actuación musical de Gálata que encherá o mercado de melodías alegres. Ás 21:15h volve actuar Gandulf o peregrino antes dun novo pasarrúas ás 21:45h e unha nova sorpresa, para pechar a xornada, do Bufón Rojo ás 22:30h.

O domingo 11, o mercado volve ás 11 da mañá. Ás 11:45 haberá un novo pasarrúas e ás 12:15h actuará novamente a Trupete de Luisete. Ás 12:45h será a quenda do Bufón Rojo, é ás 13:15h as melodías de Gálata encherán o mercado outra vez. A mañá rematará coa Trupete de Luisete ás 13:45h e o espectáculo de mendigos e bruxas co Bufón Rojo. Ás 14:30 será a hora de xantar nas tabernas e cantinas.

O mercado reabre á tarde dende as 18h. Ás 18:30h actuará Gálata e ás 19h a Trupete de Luisete. O Bufón Rojo volve coas súas algarabías ás 19:30h, antes dun novo espectáculo de gaita e tambor con Gálata ás 20h e a última actuación da Trupete de Luisete ás 20:30h. Ás 21h celebrarase o paso á raíña co Bufón Rojo. Finalmente, o mercado chegará á súa fin co pasarrúas de despedida con todas as compañías participantes ás 21:45h. Todos os horarios son orientativos e estarán suxeitos a posibles mudanzas polo clima ou pola afluencia de público.

O concelleiro de Comercio, Xosé Igrexas, amosouse confiado de que o Mercado Medieval sexa todo un éxito e atraia aínda máis visitantes a Melide coincidindo coa fin de semana de importantes descontos en 21 comercios da vila adheridos ao Mercamelide na rúa.