O pleno aprobou por unanimidade unha moción dos grupos de Adiante Melide, BNG e PSdG-PSOE. A medalla recoñece a contribución de Miguélez Sueiro á economía local e a de Pampín Rúa, a título póstumo, ao deporte melidao.
Melide outorgará a súa máxima distinción a dúas figuras de peso na economía e no deporte locais. As Medallas de Ouro, que dende 2001 distinguen as persoas e institucións melidás ou de ascendencia melidá que contribuísen a apoiar e divulgar o nome do municipio, recoñecen o empresario Leonardo Miguélez Sueiro e ao expresidente e un dos fundadores do CF Cire de Melide, Jesús Carlos Pampín Rúa, finado en abril deste ano.
A concesión foi aprobada en pleno municipal o pasado martes 28 por unanimidade dos grupos, sendo presentada a moción polos de Adiante Melide, BNG e PSdG-PSOE. No texto saliéntase as traxectorias de ambos os persoeiros, que son reflexo dunha actitude e traballo salientable e son guías para as futuras xeracións que traballen por Melide.
Leonardo Miguélez Sueiro recibirá a Medalla de Ouro de Melide polas súas iniciativas en favor da economía local, entre as cales destaca ter creado unha das empresas senlleiras do tecido económico do concello. Pola súa banda, Jesús Carlos Pampín Rúa será distinguido coa Medalla de Ouro a título póstumo polo seu traballo a prol do deporte na vila. Foi un dos fundadores do CF. Cire de Melide e presidente do club durante máis de vinte anos, entre 1993 e 2015.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, sinalou que estas dúas persoas constitúen un referente para toda a veciñanza melidá e amosou a súa satisfacción pola unanimidade acadada.