Melide recordará a figura de Elías Valiña, “o cura do Cebreiro”, impulsor do Camiño de Santiago. A Biblioteca Municipal acollerá diversos espectáculos infantís. A maxia e o samaín tamén estarán presentes na axenda do mes.
O departamento de Cultura do Concello de Melide deseñou unha ampla e variada programación para a Axenda Cultural que se estenderá durante todo o mes de outubro de 2023. Teatro, espectáculos de maxia, exposicións e música conforman un programa orientado a todas as idades.
A figura de Elías Valiña, “o cura do Cebreiro”, centra unha parte importante da programación. A Casa do Concello acolle ata o día 31 a exposición itinerante “Os camiños de Elías Valiña”, onde se recolle a traxectoria deste sacerdote especialmente implicado no impulso da peregrinación internacional a Santiago de Compostela. Foi autor dunha tese de doutoramento sobre o Camiño dende unha perspectiva histórico-xurídica, e elaborou varias guías de referencia sobre o itinerario xacobeo. A exposición pode visitarse na entrada da Casa do Concello, de 8:30h a 15h.
Esta exposición complementarase o venres 20 de outubro coa proxección do documental “Os Camiños de Elías Valiña”. Será na Casa de Cultura ás 20:30h.
O domingo 8 de outubro, a Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor acollerá ás 12h a representación de “A Nena e os Tres Osos”, de Migallas Teatro. A función oriéntase a un público familiar a partir de dous anos de idade.
O domingo 15 de outubro, no mesmo lugar e hora, Caxoto Contacontos representará “Miña Terra, Meu lar”. O espectáculo diríxese a un público familiar, a partir dos 3 anos de idade.
O venres 20 de outubro celebrarase o II Ciclo Cultural Literatura no Camiño, coa presentación do libro “Vémonos mañá” de Xosé Monteagudo. Será ás 20h na sala de conferencias. O libro novela a historia real de Josefina Arruti e Bibiano F. Osorio-Tafall.
O domingo 22 de outubro, a Biblioteca Municipal acollerá a función “O Agasallo das Árbores” de Cris de Caldas. Este espectáculo familiar, que terá lugar ás 12h, diríxese a un público a partir dos 3 anos de idade.
O seguinte martes, 24 de outubro, representarase no mesmo lugar a obra “Chocolate” de Teatro Calavera, para público a partir de 3 anos de idade. Será ás 17:30h, dentro das actividades do Día da Biblioteca.
O domingo 29 de outubro vivirase unha noite máxica co espectáculo de maxia Ilusionante, que terá lugar no Centro Sociocultural Mingos de Pita ás 18:00h.
O luns 30 de outubro celebrarase un terrorífico Samaín coa representación de “Quen ten cu, ten medo!”, de Tarabela Creativa. Un espectáculo que terá lugar ás 17:30h no centro sociocultural e que se dirixe a público a partir dos 6 anos.