Nov 8, 2022 | Actualidade

O 25 de novembro lerase o manifesto institucional ás 12h na praza do Convento. Funcións teatrais e musicais, actividades educativas e obradoiros de prevención de acoso ou autodefensa forman parte do programa.

O Concello de Melide estende a todo o mes de novembro as actividades vinculadas ao 25 de novembro, o Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller. As actividades darán comezo este mesmo venres, dia 11, e rematarán o sábado 3 de decembro. A mocidade protagonizará boa parte das iniciativas, de carácter pedagóxico.

O venres 11 e o luns 14 de novembro, entre as 10h e as 14h, terá lugar un Curso de autodefensa no pavillón municipal. As inscricións poden facerse no centro social, chamando ao 981 50 57 06.

O sábado 12 representarase ‘Matrioskas’, de Marta Ortiz e Sofía Espiñeira. Trátase dun espectáculo musical e narrativo onde dúas mulleres cantan contan historias sobre a muller, experiencias vitais e compartidas. A dúas voces, a contadora Marta Ortiz e a cantautora Sofía Espiñeira xuntan palabras e música para revivir estas historias. Será ás 20h no Centro Sociocultural Mingos de Pita.

Os días 21, 22, 23 e 24 de novembro terán lugar en todos os centros educativos de primaria e infantil (CEIP Nº1, CEIP Martagona e CEIP Mestre Pastor Barral) espectáculos de teatro e baile coeducativo. Na escola infantil municipal e na Galiña Azul, pola súa banda, representarase o espectáculo Somos Super-Iguais.

O propio 25 de novembro, venres, o alumnado do IES de Melide presentará o vídeo que elaboraron con motivo desta data. Como cada ano, lerase un manifesto institucional municipal ás 12h na Praza do Convento.

O luns 28 de novembro celebrarase un Obradoiro de prevención de acoso na rúa no IES de Melide. Por último, o sábado 3 de decembro, Redrum Teatro representará a obra 2PILGRIMS no Centro Sociocultural Mingos de Pita. O Camiño de Santiago, a igualdade e as novas masculinidades son os temas principais desta aventura cativadora.

O programa de actividades está organizado polo Concello de Melide, coa colaboración da Fundación Mujeres, a Xunta de Galicia e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.