O V Plan de Igualade e prevención da violencia de xénero asi como o protocolo de coordinación municipal para a atención integral da violencia se xénero foi presentado durante a reunión mantida pola Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
O Concello de Melide vén de presentar, na xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional correspondente, un Protocolo de Coordinación Municipal para a Atención Integral da Violencia de Xénero e o V Plan de Igualdade e Prevención da Violencia de xénero .
O Plan aprobado constitúe un documento de planificación a través da cal poderá promoverse a igualdade no concello. Artéllase sobre seis eixos: a transversalidade de xénero nas accións municipais; a educación en igualdade para toda a cidadanía; a participación social e o apoderamento individual e colectivo; a calidade de vida e a saúde integral; o emprego, a conciliación e a corresponsabilidade, e, por último, a abordaxe integral da violencia de xénero.
A amplitude de liñas de traballo evidencian a ambición e a exhaustividade con que se leva a cabo a elaboración dun documento acorde ás necesidades de Melide para os vindeiros anos.
O protocolo de coordinación é un documento que constituirá unha ferramenta para adaptar a resposta fronte á violencia de xénero ás necesidades concretas de Melide, promovendo unha resposta máis eficaz dos axentes sociais á hora de protexer, asistir e reparar ás vítimas da violencia de xénero e mais as súas fillas e fillos.
Na xuntanza da Mesa, que tivo lugar durante a mañá do mércores 18 de decembro, estiveron presentes tanto o alcalde, José Manuel Pérez, como a concelleira de Igualdade, Carmen Liñeira. Asistiron tamén representantes das forzas de seguridade, caso do cabo 1º da Garda Civil Miguel Mosquera, e os policías locais Fernando Souto e Javier Méndez. Igualmente, na Mesa participan representantes do centro de saúde como a xerente do mesmo, a traballadora social deste, ou a matrona. Do mesmo xeito asistiron representantes dos centros educativos de primaria representados tanto polas direccións dos mesmos como polo equipo de orientación .Por parte do Centro de Información á Muller estivo a psicóloga do mesmo. Por último, estiveron presentes a traballadora social do Concello de Melide, e a súa homóloga no de Toques, e Lara Fuentes, da asociación APAIOGA (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega).
Unha ferramenta de apoio froito dun traballo consensuado
Os documentos hoxe feitos público funcionarán dotando dunha referencia de apoio e consulta ás persoas e entidades que forman parte da Mesa Municipal contra a Violencia de Xénero do Concello. A súa elaboración parte do Centro de Información á Muller e da Concellería de Igualdade.
O novo plan municipal estrutúrase sobre unha serie de principios reitores que lle outorgan coherencia e un propósito claro. Por unha banda, o de sensibilización e participación da poboación. O plan procura promover o compromiso da cidadanía e recoller a súa opinión, tamén para atender as necesidades non detectadas doutra maneira.
Pola outra, o plan contempla o respecto á diversidade, atendendo ás necesidades e particularidades de cada colectivo dentro de Melide.
Un terceiro principio reitor é o da integración da perspectiva de xénero en todas as liñas de traballo municipal, de forma que estea presente á hora de planificar, executar e avaliar calquera política pública do Concello.
O cuarto principio é o da coordinación institucional. O plan prevé o intercambio de información, coñecementos e procedementos de traballo entre os distintos niveis administrativos co obxectivo de optimizar todas as accións municipais.
O protocolo articúlase sobre catro eixes para os que describe recomendacións específicas, como son o educativo, o sanitario, o policial e o xudicial. A súa elaboración pasou por tres etapas. Na primeira delas analizouse toda a normativa existente nos diversos ámbitos e niveis administrativos, tras o cal foi elaborado un borrador de procedemento de actuación en cada área que, posteriormente, foi avaliado e enriquecido en reunións de traballo coas áreas e axentes implicados, dando lugar ao documento final.
O CIM, unha peza chave
Un dos elementos fundamentais do protocolo está no Centro de Información á Muller. Cada área do documento conta cun modelo de derivación e comunicación con este centro, entendendo que a derivación e coordinación entre áreas é o alicerce de calquera protocolo efectivo. O documento actúa así como unha guía de referencia que facilita a coordinación entre institucións, co obxectivo de que a atención que se presta ás vítimas da violencia sexa áxil, coherente e adaptada ao caso concreto.
Tanto a concelleira de Igualdade, Carmen Liñeira, como o alcalde, José Manuel Pérez, valoran moi positivamente a redacción e elaboración deste documentos, que vén fortalecer a resposta contra a violencia de xénero que debe darse dende o ámbito local en colaboración cos diferentes niveis administrativos. Melide avanza así na senda aberta polo máis recente plan de igualdade, traballando por un municipio e unha sociedade máis igualitaria e sen violencia.