Dec 5, 2024 | Actualidade, Novas

A programación “Vive o Nadal! No cerne de Galicia” inclúe concertos, espectáculos teatrais e de música e tradicións como a Cabalgata de Reis ou a carreira San Silvestre. 

Baixo o título xeral “Vive o Nadal no cerne de Galicia”, o Concello de Melide ofrecerá a veciñanza un completo programa cultural nestas festas, que se desenvolverá durante tres semanas entre os meses de decembro e xaneiro. A programación, ademais de clásicos como a Cabalgata de Reis, inclúe actividades infantís, teatro, maxia ou música.

A programación dá comezo o sábado 14 de decembro. Esa tarde, dende as 19:30h, o centro sociocultural Mingos de Pita acolle o Festival de Panxoliñas de Nadal que organiza a Coral Polifónica de Melide. Participan, alén da referida, a Coral Solfa de Compostela e mais o Orfeón Xoán Montes de Lugo.

Ao día seguinte, e no mesmo espazo, a compañía Excéntricas representa ás 19h a obra para público adulto “Tres vellas na romaría”, con Celso Fernández Sanmartín, Quico Cadaval e Guti. A obra, que ten unha duración de 90 minutos, ofrece un repertorio de historias onde non faltan as muiñeiras, as xotas e os bailes charros festivos, onde a superstición e o escepticismo se acompañan.

O venres 20 de decembro, ás 19:30h, o Conservatorio de Música de Melide ofrecerá o seu tradicional Concerto de Nadal no centro sociocultural Mingos de Pita. Ao día seguinte, no mesmo lugar ás 17:30h, o alumnado das escolas culturais ofrecerá unha actuación de ballet e baile moderno. A fin de semana péchase o domingo 22 ás 19h co concerto de Xingro’s Big Band, dirixida polo mestre e compositor José Pérez Arias, no mesmo espazo. Esta banda ofrece un completo repertorio de música contemporánea e jazz.

A seguinte semana, o centro sociocultural Mingos de Pita será sede novamente de tres actividades. A primeira delas, o xoves 26 ás 17:30h, será o musical “O Mundo Máxico de Pinocho”, de Educateatro. Un espectáculo para público familiar, de idade recomendada a partir dos dous anos, e 60 minutos de duración. Trátase dunha curiosda adaptación ao teatro musical deste clásico da literatura infantil escrito por Carlo Collodi.

O sábado 28, á mesma hora, terá lugar o espectáculo “Os Bolechas presentan Cantares de Reis”. Ao día seguinte, o domingo 29, ás 21h, o mago Dani Polo ofrecerá unha fantástica actuación de maxia para toda a familia organizada por El huevo de la abuela, Suministros Industriales Cire e Espomasa. O ilusionista traerá algúns dos seus mellores números de maxia, efectos e ilusión, que inclúen aparición, desaparición, levitación e teletransporte de persoas. Para este espectáculo, a diferenza do resto da programación, será necesario adquirir unha entrada en www.woutick.es.

As e os pequenos da casa teñen unha cita coa aventura durante as vacacións de Nadal. Os días 23, 26, 27 e 30 de decembro, así como os 2 e 3 de xaneiro, terán lugar as actividades de lecer “Aventura no Polo Norte”, en horario de 9h a 14h. A inscrición abrirase o luns 9 de decembro e estenderase ata o 16. As prazas son limitadas.

Carreira San Silvestre

O ano péchase, como acontece tradicionalmente, correndo. A Carreira San Silvestre Solidaria Melidense, que organiza a Asociación Deportiva Cerne, partirá da Praza do Convento o 31 de decembro. Ás 16:15h comezará a carreira na categoría benxamín, seguida ás 16:30h pola escolar. Os adultos arrincarán a correr ás 17h.

Cabalgata de Reis

A tradicional Cabalgata de Reis do Concello de Melide terá lugar o domingo 5 de xaneiro. Partirá ás 17:30h do pazo de congresos e percorrerá as rúas da vila. Ás 18:30h, as súas Maxestades de Oriente ofrecerán unha recepción ás nenas e aos nenos no Belén vivente no centro sociocultural Mingos de Pita. Colabora a Asociación Cultural Charamela.

 Exposición do Belén Artesán

A capela de San Roque acolle durante as festas do Nadal un Belén artesán visitable, iniciativa de Ana María Pérez. Permanecerá aberto entre o 9 de decembro e o 7 de xaneiro, en horario de 17:30h a 20:30 de luns a sábado (agás os días 25 de decembro e 1 de xaneiro) e os domingos en horario de misa (9:30h a 10:30h).

Un ano máis, pola súa banda, a Casa do Concello acollerá o seu propio Belén artesán visitable, que permanecerá exposto durante as festas.

Actividades en xaneiro

Co novo ano a programación de Nadal continúa. O xoves 2 de xaneiro, ás 17:30h, terá lugar no centro sociocultural Mingos de Pita o espectáculo teatral “Luppo” de Baobab Teatro. Esta obra está dirixida a nenas e nenos a partir de catro anos, e fala do ciclo da vida e o apego cara ás persoas que nos rodean. Foi premiado na categoría de mellor espectáculo infantil na Feira de Teatro de CIudad Rodrigo en 2015 e foi candidato aos premios Max 2016 na categoría de Mellor Autoría Teatral.

O venres 3 de xaneiro ás 17:30h a Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor acolle o espectáculo “Redondo” de Caramuxo Teatro, orientado a nenas e nenos de 1 a 4 anos. Trátase dun espectáculo para a primeira infancia que xoga coas formas, unha proposta visual para gozar en familia. Polo limitado do aforo é necesario recoller invitación no departamento de Cultura na Casa do Concello.

Centro social

Coma sempre, o Centro Social conta cunha programación de Nadal de seu. O domingo 29, ás 17h, celebrarase unha Festa de Nadal con Suso de Boente. O sábado 4 de xaneiro á mesma hora terá lugar a Festa de Reis con Suso de Boente.

Dende o Concello de Melide anímase a toda a cidadanía a desfrutar destas festas e acudir ás distintas actividades.