Mai 27, 2022 | Actualidade

Os traballos, que se prolongarán durante aproximadamente tres semanas, comprenderán obras de cantería e de restauración, así como a creación de sinalización. O Concello destina preto de 8.000 euros a esta intervención patrimonial no corazón da vila.

O Concello de Melide levará a cabo obras de posta en valor do cruceiro de Melide, un dos máis importantes do seu tipo e o máis antigo de Galicia, datado no século XIV. Este elemento patrimonial, que se atopa no interior do espazo urbano sen que a súa trascendencia quede de manifesto, será sometido a un proceso de restauración, acompañado pola remodelación da praza na que se atopa. Do mesmo xeito, instalarase sinalización que divulgue o seu valor histórico.

O cruceiro de Melide está situado nunha praza próxima á igrexa de San Roque, zona de encontro de veciños e de peregrinos.

Os traballos de posta en valor incluirán a extracción da vara e da cruz coa axuda dun camión pluma, a embalaxe e traslado ata o obradoiro da empresa restauradora (Bic) e unha limpeza superficial das pezas que conserve a pátina. Na zona onde se sitúa o cruceiro retirarase a placa metálica e o cemento, así como os pasos, realizándose unha nova cimentación. O cruceiro restaurado será trasladado á nova base e remontado. Os elementos do cruceiro fixaranse con cuñas de chumbo. A nova cinta de suxeición será de aceiro inoxidable.

Despois da restauración instalarase cartelería divulgativa que explique a historia e características do cruceiro. Esta intervención definirá de novo o espazo da praza, creando un lugar axeitado para o disfrute desta peza patrimonial e a xuntanza de veciños e peregrinos.

Os traballos terán un custo próximo aos 8.000 euros. O tempo estimado do traballo é de tres semanas.