Nov 6, 2025 | Actualidade, Novas

O alumnado do IES poderá producir e filmar unha peza audiovisual breve a prol da igualdade e a diversidade dentro do obradoiro Polifonía. O Centro Social acolle o obradoiro Raíces 2.0 para o desenvolvemento de redes de apoio e apoderamento das mulleres. Lectura do manifesto institucional o 25N ás 12h no Concello.

MELIDE 5 de novembro de 2025.– O Concello de Melide pon en marcha un variado e completo programa de actividades con motivo do 25 de Novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Un ano máis, as actividades relacionadas con esta data estenderanse durante todo o mes. O obxectivo da iniciativa é continuar a desenvolver conciencia sobre a igualdade entre mulleres e homes e cuestionar os roles de xénero e o machismo. A mocidade volve ser, un ano máis, un dos grupos de idade prioritarios nesta campaña.

Un dos puntos centrais é Polifonía, un proxecto artístico e pedagóxico que procura recoller miradas e experiencias colectivas sobre as distintas formas en que a desigualdade se expresa no cotián. O proxecto desenvolverase ao longo de dúas xornadas no IES de Melide, combinando o obradoiro teatral e o proceso de gravación audiovisual. A primeira delas, o martes 11 de novembro, consistirá nun Obradoiro de Teatro e Igualdade a cargo de Cristina Collazo. A actriz e pedagoga conduce unha actividade participativa que se centra na expresión corporal, a improvisación e o traballo en grupo, onde os xogos teatrais permiten abordar cuestións relacionadas coa igualdade, as relacións de poder e os roles e prexuízos de xénero. Nesta sesión xurdirán ideas, frases e imaxes que servirán para elaborar o guión da peza audiovisual.

Na segunda xornada de Polifonía, o martes 18, empregarase o material recollido no obradoiro para elaborar un guión breve que traduce a linguaxe audiovisual as reflexións do alumnado e filmar unha curta, de minuto e medio de duración, nas instalacións e na contorna do IES. A gravación estará dirixida por Bego Pérez, converténdose nun espazo de aprendizaxe práctica para un alumnado activo diante e detrás da cámara. A peza audovisual resultante emitirase o martes 25 de novembro nas redes sociais do Concello e mais do IES. Este documento será unha síntese poética e coral do espírito do proxecto: a escoita como necesidade e o recoñecemento das múltiples voces da sociedade.

O mércores 12 de novembro, o alumnado de 3º curso de Educación Primaria do CEIP nº1 participará nun obradoiro de roles e estereotipos de xénero baixo o título “Cambiando o conto”. Nesta actividade, que combina unha metodoloxía participativa coa creatividade e a expresión corporal, a dramatización convértese nunha ferramenta educativa, no contexto da relectura activa de contos tradicionais para cuestionar as mensaxes que tradicionalmente normalizaron, abrindo a porta a reimaxinalos e transformalos. O xoves 13 de novembro, o alumnado de 3º dos coles CEIP Mestre Pastor Barral e Martagona participará do mesmo obradoiro.

Este ano, o Centro Social acollerá un obradoiro destinado ao desenvolvemento da autoestima e a construción de redes de apoio e apoderamento para as mulleres. Baixo o nome “Raíces 2.0”, a actividade celebrarase ás 17:30h os xoves 13, 20 e 27. A primeira das sesións do obradoiro irá destinada ao recoñecemento persoal e individual da persoa participante. A segunda estará orientada ao autocoidado e a xestión emocional e, a terceira, ao crecemento e a sororidade, cun carácter colectivo e promovendo o intercambio de aprendizaxes. Dado que o número de prazas é limitado, cómpre inscrición previa, que pode levarse a cabo no propio Centro Social ou no 981 50 57 06.

O luns 17 de novembro, o alumnado da Escola infantil municipal e a escola infantil As Granxas desfrutará da súa propia actividade, Conta e Crea en Igualdade. Este obradoiro procura desmontar as ideas preconcibidas sobre as cores, os xoguetes ou as profesións, defendendo que as nenas e nenos poidan escoller libremente o que lles gusta. O punto de partida é a lectura dramatizada dun conto, convidando ao alumnado a observar e analizar as situacións cotiás para detectar as desigualdades e desterralas.

Xa o martes 25 de novembro, o propio Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, terá lugar a lectura do manifesto institucional ás 12h na Praza do Concello. No caso de que chova, a lectura levarase a cabo no Salón de plenos.

As actividades da campaña chegarán á súa fin coa celebración do Obradoiro PorNo(n) Educar no IES de Melide os días 1, 2 e 3 de decembro. Trátase dunha proposta educativa centrada na actividade sexual e o bo trato.