Xuñ 18, 2021 | Actualidade, Sen categorizar

O Concello de Melide, a través das Concellarías de Igualdade e de Educación , anunciaron na mañá de hoxe a posta en marcha no vindeiro curso  escolar do servizo de madrugadores nos tres colexios da vila. Na reunión celebrada está mañá , na que acudiron representantes das ANPAS dos tres colexios de Melide, informóuselle das características do programa a implantar.

As concelleiras quixeron transmitir o agradecemento ás direccións dos centros educativos pola súa colaboración e axuda para poder implantar o programa nos propios centros, tendo confirmación por escrito da cesión de aulas de dous dos tres equipos directivos dos colexios públicos da vila.

Este novo servizo permite que pais e nais poidan levar aos nenos e nenas ás 7.30h horas ao centro educativo, facilitando a conciliación da vida familiar e laboral.

As persoas interesadas en utilizar este servizo poderán formalizar a súa inscrición do 1 ao 15 de xullo. O custo do mesmo é de 40 euros mensuais ( servizo diario con almorzo) 30 euros mensuais ( servizo diario sen almorzo). O servizo de días soltos é de 4 euros con almorzo e 3 euros sen almorzo.

Entre os obxectivos principais deste programa está o de facilitar ás familias a conciliación da  vida laboral e a educación dos menores para a saúde, a convivencia e o ocio.

As familias que desexen acollerse, deben achegar a documentación e os seus datos ao rexistro do Concello de Melide na primeira quincena do mes de xullo.

O equipo de goberno fai unha valoración moi positiva da futura implantación do servizo de madrugadores , onde se da resposta a unha das demandas máis solicitadas polas nais e pais, cumprindo un obxectivo prioritario do goberno que é facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.