Catro obras de teatro enfocadas ao público adulto representaranse no Centro Sociocultural Mingos de Pita todos os domingos ata o 2 de abril.
O Concello de Melide pon en marcha o ciclo de ‘Domingos de Teatro’ durante todo o mes de marzo e a primeira fin de semana do mes de abril. As representacións, enfocadas ao público adulto, terán lugar todos os domingos ás 19h no Centro Sociocultural Mingos de Pita. A Deputación da Coruña colabora na organización.
Abre o ciclo a Compañía Estudo Momento con ‘1888. Señorita Xulia’ o 12 de marzo. Trátase dunha adaptación do clásico de August Strindberg de 1888 protagonizado por Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto. A obra reflexiona sobre a igualdade entre homes e mulleres, e entre distintas clases sociais. Presenta unha festa secreta na que a señorita Xulia, filla do Conde, seduce a Xoán, o criado predilecto deste, caendo nun perigoso xogo condicionado pola moral de dous mundos distintos.
O 19 de marzo represéntase ‘Alma de tigre’, da Compañía Elefante Elegante. Esta obra evoca a historia dunha familia pechada nunha casa ruinosa a través de cuxas fendas se filtran os segredos do pasado e dunha herdanza envelenada. Á morte da nai, os fillos da familia reencóntranse na casa familiar para decidir o seu futuro, pero esta non quere deixalos ir.
O domingo 26 de marzo a Compañía Malasombra Producións trae ‘Bernarda’. Trátase dunha historia que reflicte o eterno choque xeracional, tan distinto segundo o lado en que un se atope. ‘Bernarda’ é, ante todo, unha historia universal onde todo o mundo pode verse reflectido.
O 2 de abril péchase o ciclo dos ‘Domingos de Teatro’ da man da Compañía Matrioshkas Teatro, que representan o seu ‘Comando Comadres’. Neste espectáculo en chave de humor destinado a público adolescente e adulto, un grupo de artivistas organizadas en distintos comandos poñen en evidencia as múltiplas manifestacións da violencia patriarcal. A obra cuestiona a persistencia destes valores no pensamento hexemónico actual e na xestión dexenerativa dos recursos naturais.