~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

Melide dá un novo paso na modernización e mellora de instalacións deportivas coa substitución do céspede do campo de fútbol

Out 11, 2022 | Actualidade, Deporte

A Xunta de Goberno local celebrada hoxe aprobou a licitación deste importante proxecto para a mellora das instalacións acometida durante o presente mandato. Vén sumarse á recente finalización das melloras nos accesos. O prazo de execución das obras será de catro meses, cun orzamento de licitación de 191.529,59 €.

O Concello de Melide continúa coa política de mellora das instalacións e infraestruturas deportivas acometendo a substitución do céspede do campo de fútbol. Esta nova intervención anúnciase pouco tempo despois de finalizaren as obras de mellora dos accesos ás instalacións. A licitación deste proxecto foi aprobada esta mañá en Xunta de Goberno local.

O céspede artificial co que conta actualmente o campo de fútbol ten máis de 14 anos de antigüidade, presentando un desgaste que fai recomendable a súa substitución. A manta orixinal cambiarase por unha nova de céspede sintético de última xeración, lastrado con area de sílice e caucho. As dimensións da capa serán de 96 metros de longo por 59 de ancho, con dous metros a maiores de bandas en laterais e fondos do campo. A superficie total estimada achégase aos 6.300 metros cadrados.

Cando remate esta intervención, o campo de fútbol poderá acoller partidos de fútbol 11 no lado longo do campo e de fútbol 7 no curto. Dado que se marcarán dous campos de fútbol sete, abrirase a posibilidade de que se disputen simultaneamente dous partidos desta modalidade deportiva.

O concelleiro de Deportes, José Prado, sinalou en relación con este proxecto que “é un paso máis na mellora de instalacións deportivas que levamos acometendo todo o mandato, unha vez detectamos que as infraestruturas deportivas de Melide necesitaban unha ampla actualización”. O edil explicou que “o polideportivo ou o campo de fútbol adoecían de falta de mantemento”, e por tanto “o Goberno local puxo en marcha unha serie de actuacións que nos permiten afirmar que estes anos están a ser os da modernización do deporte local”. “Estamos moi satisfeitos das melloras realizadas grazas ao investimento continuo en todos os últimos exercicios”, engadiu Prado, quen rematou dicindo que “remataremos o antes posible estes traballos para o desfrute de todas e todos os melidaos”.

As obras terán unha duración estimada de catro meses, e contan cun orzamento de licitación de 191.529,59 €.