A San Silvestre Solidaria e a Cabalgata de Reis volven salientar nunha programación que inclúe teatro, espectáculos de maxia, festas e concertos. Tamén se ofrece un campamento infantil para facilitar a conciliación familiar durante o Nadal.
Baixo o lema “Vive o Nadal no cerne de Galicia”, o Concello de Melide configurou un amplo e variado programa de actividades para estas festas que inclúen teatro, concertos, actividades infantís e a tradicional Cabalgata de Reis. O programa dá comezo o sábado 16.
Ese día terá lugar a conmemoración dos 20 anos da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, organizada pola Asociación. O mesmo día, ás 19h, o centro sociocultural Mingos de Pita acolle un Festival de Panxoliñas organizado pola Coral Polifónica de Melide. Actuarán o Orfeón Alcoa de Arteixo e a Coral Lembranzas de Santa Cruz.
O centro sociocultural será escenario de moitos outros eventos incluídos na programación natalicia. O xoves 21 de decembro, o alumnado e profesorado do conservatorio de música de Melide ofrecerán alá un Concerto de Nada ás 20h. Ao día seguinte, venres 22, no mesmo lugar representarase unha actuación de teatro e baile que leva por nome “A maxia do Nadal” e corre a cargo do alumnado das escolas culturais de baile moderno, ballet e teatro do Concello. Será ás 18:30h.
As actividades no centro sociocultural Mingos de Pita continúan logo do día de Nadal. Así , o martes 26 ás 17:30h representarase a obra Carabela, da Compañía Galeteatro. Trátase dunha obra para público familiar a partir dos 3 anos de idade, que narra o naufraxio dunha cociñeira na Illa Pequena de Plástico. Está escrita por Paula Carballeira e dirixida por Davide González.
O mércores 27, o centro acolle un espectáculo de ilusionismo coa maga Patri Zenner. Terá lugar ás 17:30h. Trátase dun espectáculo ecolóxico, emotivo, visual e divertido dirixido ao público familiar.
Á mesma hora, ao día seguinte, xoves 28 de decembro, representarase o espectáculo visual Güela Güela de Galitoon. Narrarásenos a aventura dunha pequena cegoña que realza o valor da amizade, a solidariedade e voar en grupo.
As dúas últimas actividades no centro sociocultural terán lugar o venres 29 e o sábado 30 de decembro. A primeira, o venres, será o Concerto de Nadal da Orquestra Clásica de Vigo, ás 20h. Esta orquestra destácase pola sua aposta pola innovación e novos formatos.
A segunda actividade será o tributo musical La Sirenita, ás 18h do sábado 30. As entradas para este espectáculo deben adquirirse en www.giglon.com. Volveremos percorrer a clásica historia de Ariel e a súa arela por coñecer o mundo dos humanos.
San Silvestre
O 31 de decembro volve ser un día para despedir o ano co deporte. A Carreira San Silvestre Solidaria Melidense, organizada pola Asociación Deportiva Cerne, partirá da praza do convento. Contará con tres categorías: benxamíns (saída ás 16:15h), escolares (saída ás 16:30h) e adultos (saída ás 17h).
Xaneiro
O novo ano chegará coas últimas actividades para conmemorar o Nadal. A biblioteca municipal acolle senllos espectáculos na primeira semana do 2024. O mércores 3 de xaneiro ás 17:30h Cris de Caldas representará Contos de Nadal. Trátase dunha sesión de contos mesturados e divertidos onde nada é o que parece. Diríxese a un público a partir dos 4 anos.
Ao día seguinte, xoves 4 de xaneiro, á mesma hora, representará o seu espectáculo de marionetas Títeres Alakrán, que leva por título A Pita Xefa. Dirixido a un público familiar a partir dos 3 anos, é unha adaptación da obra de Marta Lado que gañou o III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade.
O venres 5 as rúas de Melide serán escenario da tradicional Cabalgata de Reis. Sairá ás 17:30h do Pazo de Congresos. Ás 18:30h, as súas maxestades os Reis Magos de Oriente recibirán ás nenas e nenos no Belén Vivente do centro sociocultural Mingos de Pita. Colabora nesta actividade a Asociación Cultural Charamela.
Por outra banda, o Belén Artesán poderá visitarse todos os días de 8:30h a 19h na entrada da Casa do Concello de Melide.
Nadal no Centro Social
O Centro Social de Melide conta un ano máis con programación de seu polo Nadal, que inclúe senllas festas con Suso de Boente. A primeira será a Festa de Nadal o sábado 23 de decembro ás 17h. A segunda, a Festa de Reis o sábado 6 de xaneiro ás 18h.
Campamentos
Co obxectivo de facilitar a conciliación familiar durante as festas, o Concello organiza o Campamento de Nadal “Nadal polo mundo”. Celebrarase do 22 ao 29 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro. Está destinado a nenas e nenos de 4 a 12 anos de idade. O horario de actividades será de 9h a 14h. As inscricións, que poden facerse por días e para as que hai prazas limitadas, poderán facerse entre o 11 e o 19 de decembro no departamento de Cultura do Concello.