O Goberno local queda conformado por José Manuel Pérez (alcalde), Xesús Pereira (Economía e Facenda), Xosé Igrexas (Urbanismo), Carmen Liñeira (Política Social), Mayka Basalo (Cultura e Educación) e José María Santín (Medio Rural).
O Pleno urxente e extraordinario celebrado na tarde do martes 1 de agosto na Casa do Concello de Melide rematou con acordos que desbloquearán a xestión municipal diaria e coa conformación dun novo Goberno local e Xunta de Goberno. A xuntanza plenaria tamén aprobou asuntos pendentes dende o anterior pleno ordinario, como son as dedicacións exclusivas do Goberno local e mais o persoal eventual.
A sesión deu comezo coa xustificación, por parte do alcalde, José Manuel Pérez, do carácter extraordinario e urxente da mesma. O rexedor explicou que a convocatoria tiña como obxecto “garantir o bo funcionamento do Concello e axilizar a dinámica diaria deste”. A portavoz do Partido Popular, Dalia García, cuestionou o carácter urxente da convocatoria, mentres que a voceira socialista, Mónica Barral, considerou que si era “indispensable que a vila comece a ser gobernada”. Por parte dos portavoces do BNG, Xesús Pereira, e Adiante Melide, Xosé Igrexas, non houbo obxeccións á xustificación achegada polo alcalde. Deste modo, o Pleno aprobou a urxencia da sesión cos votos favorables de Adiante Melide, BNG e PSOE, e os votos contrarios do PP.
No segundo punto da orde do día, o alcalde deu conta das resolucións da alcaldía neste período. Neste apartado expúxose a conformación final da Xunta de Goberno local e as tenencias de alcaldía. A Xunta queda constituída, ademais de polo rexedor, José Manuel Pérez, polos concelleiros Xesús Pereira, Xosé Igrexas, Carmen Liñeira e Mayka Basalo. Xesús Pereira será o primeiro tenente de alcalde de Melide, correspondéndolle a segunda tenencia a Xosé Igrexas. A terceira tenente de alcalde será Carmen Liñeira, e a cuarta, Mayka Basalo.
Ademais, o alcalde deu conta da división e asignación das áreas de goberno. A de presidencia correspóndelle ao propio José Manuel Pérez, que engloba Persoal, Seguridade Cidadá, Obras e Servizos e a Radio Municipal. Pola súa banda, Xesús Pereira será concelleiro de Economía e Facenda, englobando as áreas de Economía, Facenda, Promoción Económica, Turismo e Camiño de Santiago. O concelleiro de Urbanismo será Xosé Igrexas, con competencias sobre Urbanismo, Medio Ambiente, Contratación, Comercio e Emprego.
Na área de Política Social, a responsable será Carmen Liñeira. Desta Concellería dependerán Servizos Sociais, Igualdade, Saúde e Deportes. En canto á Concellería de Cultura e Educación, será competencia da edil Mayka Basalo, e englobará Cultura, Educación, Xuventude e Normalización Lingüística. Por último, José María Santín será concelleiro de Medio Rural.
No terceiro punto da orde do día, deuse conta sobre a organización do Grupo Mixto, que conforman BNG e PSOE na actual Corporación local. A portavocía do mesmo será rotatoria, correspondéndolle os anos 2023 e 2025 a Xesús Pereira, coa suplencia de Mónica Barral, e os de 2024 e 2026 a esta última, coa suplencia do primeiro. Na Comisión Especial de Contas, a vogal titular será Mónica Barral, con Xesús Pereira como suplente, e na de Asuntos de Pleno a organización será á inversa, coa socialista como suplente e o nacionalista como titular.
Representación do Concello noutros órganos colexiados
O Pleno deliberou a continuación sobre a modificación do nomeamento de representantes da Corporación local en órganos colexiados competencia do Pleno. Deste modo, na Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés exercerá como representante o 1º tenente de alcalde, Xesús Pereira, e como suplente o 2º, Xosé Igrexas. Idéntica distribución rexerá na Asociación de Municipios do Camiño de Santiago.
No tocante ao GDR Ulla-Tambre-Mandeo, o representante municipal será Xesús Pereira, co alcalde, José Manuel Penas, como suplente. Nos centros educativos mantense a Mayka Basalo, concelleira de Educación, como representante plenaria.
Esta distribución contou cos votos positivos de Adiante Melide, PSOE e BNG, e a abstención do Partido Popular.
Delegación de competencias plenarias
No quinto apartado da orde do día, o pleno debateu sobre a delegación de competencias en Xunta de Goberno local. A proposta aprobada inclúe o exercicio de accións xudiciais e administrativas e a defensa da Corporación en materias de competencia plenaria, a declaración de lesividade dos actos do Concello, a contratación nos supostos da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, a aprobación de proxectos e de obras e servizos competencia do pleno aínda non previstos nos orzamentos, a aprobación do Padrón Municipal de Habitantes, e a solicitude e aceptación de subvencións e convenios ou contratos con administracións públicas. Tamén a aplicación do réxime de incompatibilidades, a designación de representantes noutras entidades, os expedientes de expropiación forzosa, a declaración de efectos non utilizables, as altas de bens e dereitos no inventario municipal, a emisión de informes nos expedientes sobre permisos ou licenzas de obra e declaracións previas, a concesión de bens e servizos, o establecemento de prezos públicos e as previstas nas Bases de execución do orzamento. Finalmente, tamén as previstas nas leis.
Este punto aprobouse, novamente, cos votos positivos de Adiante Melide, PSOE e BNG, e abstención do Partido Popular.
Dedicacións exclusivas
O sexto asunto da orde do día foi o relativo aos cargos municipais que desempeñarán réximes de dedicación exclusiva e as retribucións correspondentes. O Pleno aprobou un total de tres dedicacións exclusivas: as do concelleiro de Urbanismo, Xosé Igrexas (35.000 € brutos anuais), da edil de Política Social, Carmen Liñeira (33.000 €), e da responsable de Cultura e Educación, Mayka Basalo (33.000 €).
A portavoz do Partido Popular, Dalia García, criticou as diferenzas salariais entre as distintas dedicacións, razón polo que o seu grupo votou en contra. Pola súa banda, a edil socialista, que votou a prol, considerou que corresponden “soldos diferentes a diferentes responsabilidades e cargas de traballo”. Na súa quenda de réplica, o alcalde, José Manuel Pérez, defendeu que o actual goberno cobrará menos que anteriores administracións. Tanto Adiante Melide como o BNG deron o seu apoio a este acordo.
Persoal eventual
Finalmente, o pleno debateu sobre a determinación do persoal eventual. A proposta presentada a pleno, derivada da Relación de Postos de Traballo municipal, incluíu unha xefatura de gabinete, cunha retribución de 28.090 euros anuais. As súas funcións serán a atención ao público, labores administrativos e de axenda, a asesoría do alcalde e a coordinación do goberno local.
O Partido Popular manifestou a súa oposición a esta figura ao considerar que non ten as funcións que lle corresponderían pola inexistencia dun gabinete. Pola súa banda, Xosé Igrexas, portavoz de Adiante Melide, lembrou que idéntica figura existe noutros concellos con denominacións diversas.
Votaron a favor deste punto Adiante Melide e o Partido Socialista, e en contra, o Partido Popular. O BNG abstívose neste apartado. A proposta quedou deste modo aprobada.